A CIG reclama a rescisión dos contratos públicos con Linorsa, que adebeda mes e medio de salarios ás súas traballadoras

A Axencia Tributaria vén de embargar un millón e medio de euros a esta empresa, que é concesionaria do servizo de limpeza de multitude de edificios públicos e colexios
Compostela - 09 Mar 2016
A CIG reclama das administracións públicas a rescisión dos contratos con Linorsa. Unha empresa que ten a concesión do servizo de limpeza de numerosos edificios públicos dependentes da Xunta de Galiza, concellos e numerosos centros escolares en toda Galiza. A central sindical denuncia que esta empresa adebeda ás súas traballadoras mes e medio de salarios. Unha situación que se ve agravada polo recente embargo de 1,5 millóns de euros por parte da Axencia Tributaria.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, alerta de que esta situación afecta a multitude de administracións públicas galegas e lembra que a CIG leva realizadas numerosas mobilizacións para denunciar esta situación. Manifesta ademais a súa preocupación pola “incertidume” na que se atopan as traballadoras, xa que logo deste embargo, “temen que a súa situación aínda empeore máis”.

O secretario comarcal da CIG de Compostela explica qque a altura do 1 de marzo remitiu un escrito á consellaría de Educación, da que dependen os CPI da comarca de Compostela San Vicente (A Baña); Armando Cotarelo Valledor (Boimorto); Pontecarreira (Frades); Fonte Díaz (Touro) e Viaño Pequeño (Trazo), para que actuara diante do impago das nóminas das traballadoras de Linorsa, concesionaria da limpeza dos mesmos. “A única resposta da consellaría foi que, dado que non é persoal da administración, non se pode inmiscuir nas relacións laborais entre unha empresa privada e o seu persoal”.

Para Alonso é “incomprensíbel” que a Xunta, e nomeadamente a consellaría de Educación, se desentendan desta situación. Alerta de que a CIG non descarta, de non se solucionar o problema, iniciar mobilizacións, algo que Alonso lamenta e ás que preferiría non ter que recorrer, ao tratarse de “centros sensíbeis e afectar a poboación infantil”.

Por iso reitera a súa demanda de retirar a escisión das contratas a Linorsa para que non siga acumulando débeda. “Se se rescataran as contratas garantiríase un mellor servizo, unhas condicións laborais e salariais dignas e aforraríase nos seus custos”.

Respecto da denuncia realizada polo PSOE en Ourense, o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela manifesta o seu asombro diante do posicionamento nesta cidade e o que mantén en Vigo. “Debería actuar coa mesma dilixencia nun sitio e noutro, máis tendo en conta que casualmente en Vigo goberna”.