A CIG reafírmase como forza transformadora combinando loita sindical, feminismo e soberanía

Nacional - 04 Xun 2025

O relatorio de Acción Sindical, documento no que se definen as liñas de traballo que guiarán a CIG para os vindeiros anos, tamén foi aprobado polo IX Congreso Confederal. O documento analiza o contexto global, estatal e galego, facendo fincapé na necesidade de reforzar o conflito social e sindical como resposta á precariedade, á dependencia e ás políticas neoliberais.

A CIG reafírmase como unha forza transformadora, combinando loita sindical, feminismo e soberanía e ante un capitalismo reaccionario e unha Galiza dependente, chama á mobilización para garantir dereitos, igualdade e un futuro digno, construíndo poder popular desde a base. 

A central alerta sobre o auxe da extrema dereita e do fascismo, alimentado polo capital ante o descontento social

O relatorio analiza o contexto global onde o capitalismo neoliberal se torna máis agresivo e inestábel, cunha hexemonía económica dos EUA en declive, que utiliza os aranceis como armas de dominación e impulsa o gasto militar, mentres a recesión e a austeridade reducen os servizos públicos.

Este chamado belicista a través da OTAN prodúcese nunha crise inflacionista que afondou na precarización das clases populares. A UE perde relevancia global, incapaz de garantir benestar social. Por iso, a CIG critica esta “Europa dos Estados” e avoga por unha “Europa dos Pobos”, baseada na autodeterminación, a xustiza social e a ruptura coa dependencia estadounidense.

A CIG alerta ademais do auxe da extrema dereita e do fascismo, alimentado polo capital ante o descontento social. No Estado español, esta dereita neofranquista nega a plurinacionalidade e reforza a centralización.

Reformas neoliberais

O Goberno “progresista” español aplica reformas neoliberais impostas pola UE, como a reforma laboral de 2021, que non derrogou a do 2012 e institucionaliza a precariedade. O diálogo social con CCOO e UGT evidénciase como un instrumento da patronal para consolidar recortes en salarios, pensións e dereitos laborais, mentres a dereita e a ultradereita agravan o centralismo. Foi a resistencia das forzas soberanistas, como a CIG, a que freou as derivas reaccionarias.

En Galiza, os gobernos do PP de Feijóo e Rueda afondan na dependencia económica, negando un financiamento propio e favorecendo a explotación dos recursos en detrimento do tecido produtivo. A desertización social e o envellecemento agrávanse coas políticas de eucaliptización, o turismo descontrolado e a emigración (371.637 persoas desde 2009). Un modelo de “colonia” ao servizo de intereses externos, onde o diálogo social galego colabora cos intereses do capital.

Contrapoder

O IX Congreso reafirma a aposta da CIG polo conflito como motor de cambio, rexeitando a resignación ante o desmantelamento dos dereitos laborais. Propón recuperar a centralidade do traballo e do sindicalismo como contrapoder, promovendo un modelo galego de negociación colectiva que rompa co marco estatal. Nos convenios, prioriza salarios dignos (mínimo de 1.320€ mensuais), cláusulas contra a precariedade (ETT, contratos parciais), a xornada de 35 ou 32 horas e a loita contra a fenda salarial de xénero.

A saúde laboral é outra urxencia, ante unha lexislación obsoleta e unha alta sinistralidade en Galiza. Critica a privatización vía mutuas e a inacción da Xunta, exixindo prevención efectiva e control sindical. Na defensa dos servizos públicos, demanda unha sanidade universal, vivenda accesible e medios públicos como a CRTVG que promovan a identidade galega, fronte á mercantilización e a manipulación informativa.

Feminismo e soberanía

Como sindicato feminista, a CIG defende un feminismo galego e de clase, visibilizando a explotación das mulleres no traballo e nos coidados, loitando contra o acoso e a segregación profesional.

Estabelece ademais, a soberanía como eixo estratéxico, considerando que Galiza debe decidir o seu modelo socioeconómico, superando a dependencia e construíndo un futuro socialista. Nesa liña, e como parte do movemento nacionalista galego, chama a fortalecer alianzas e a conciencia nacional para enfrontar o sistema español.