Imaxe: Túnel do Corno (ADIF)

A CIG protestará nas obras do AVE contra a desidia do Goberno ante a reiteración de sinistros mortais

A FCM concentrarase este venres 19 en Cerdedelo e Verín contra o total desleixo no control das obras do camiño de ferro

Nacional -

A Federación da Construción da CIG realizará durante a mañá deste venres 19 de outubro dous actos de protesta na comarca de Monterrei en denuncia da falta de compromiso das administracións no combate á alta concentración de accidentes mortais nas obras do AVE. Terán lugar ás 12.00 horas na praza do Concello de Verín e ás 12:45 en Cerdedelo (Laza), nas inmediacións dos traballos de construción do túnel.

Para a CIG-Construción “é intolerábel” que as administracións públicas continúen a facer oídos xordos a pesar das múltiples denuncias presentadas contra as precarias condicións de traballo e alta sinistralidade laboral nas obras do AVE no sur da provincia de Ourense, que desde o inicio dos traballos se saldou con nove falecidos/as, o último deles a pasada semana.

Denuncian que esta grave situación é produto da falta de controis, precarización e sobreexplotación imposta por empresas e subcontratas e padecida polos traballadores/as, que “se xogan a vida en xornadas maratonianas sen as medidas de seguridade preceptivas”.

Existe un "desleixo absoluto” dos órganos de control do Estado no control da sinistralidade laboral das obras do AVE

Como exemplo, citan unha sentenza entre as múltiples que condenan ás UTEs das obras do ferrocarril por obrigaren un traballador a realizar un exceso de xornada de “nada menos que de 1168 horas extra en 10 meses”. “Contratan un traballador para que realice a xornada que corresponderían a dous”, sinalan.

Esta situación vese agravada ao tratarse maioritariamente de traballadores transfronteirizos, procedentes na súa maioría de Portugal, un colectivo vulnerábel pola condición de desprazados/as e que “sofren en maior medida a arbitrariedade e desprotección”.

Por iso e fronte o “desleixo absoluto” dos órganos de control do Estado para impediren este tipo de situacións, centos de delegados/as da federación vidos das diferentes comarcas concentraranse este venres 19 de outubro ás 12 horas na praza do Concello de Verín e no treito de túnel de Cerdedelo (Laza) a partir das 12:45.

Nos actos de protesta participarán tanto o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, como o secretario da FCM, Plácido Valencia.

Volver