A CIG presenta unha denuncia contra Transegre por vulneración do dereito de liberdade sindical

A empresa con sede en Pontevedra impediu a participación da central no proceso para escoller delegados

Vigo -

A CIG presentou hoxe unha denuncia no Xulgado de Instrución de Pontevedra contra Transegre, empresa catalá con sede en Campañó, por un presunto delito contra os traballadores/as -en concreto por vulnerar o dereito fundamental de liberdade sindical- despois de que a compañía despedise dous candidatos do sindicato e impedise a participación dos representantes da central no proceso de eleccións sindicais.

O anuncio da presentación da denuncia no Xulgado de Instrución de Pontevedra foi feito esta mañá en rolda de prensa polos secretarios comarcais da CIG, Marcos Conde, e da FGAMT, Xabier Aboi. Os responsábeis sindicais explicaron que a medida adoptouse despois de que a empresa, que constituíu onte a mesa electoral, despedise primeiro a dous candidatos da central e despois impedise a entrada dos representantes sindicais nas instalacións de Campañó a pesar de que foi a propia CIG a que promoveu as eleccións.

“Xa dende o inicio do proceso de produciron unha serie de ilegalidades, entre elas o despedimento de dous candidatos día despois de convocarse as eleccións, pero onte mesmo optaron por constituír a mesa electoral ás 6.00 horas para dificultar a participación e mesmo lle deron vacacións a algúns traballadores/as para que non votasen, mentres que a outros/as nin sequera os avisaron”, indican. Cando os representantes da CIG se desprazaron até a empresa atopáronse con dous gardas de seguridade que lles impediron a entrada das instalacións, polo que decidiron dar parte á Policía para que redactase un atestado.

Tamén puxeron o sucedido en coñecemento da Inspección de Traballo, que falou co director de Avícola de Galicia -empresa do grupo catalán Valls Companys para a que traballa Transegre- para coñecer a postura da compañía. “Parece ser que lle dixeron que fora un erro e que podiamos participar no proceso, pero cando nos achegamos outra vez ás instalacións impedíronnos de novo o acceso”.

Por iso esta mañá decidiron acudir ao Xulgado a presentar unha denuncia por un presunto delito contra os traballadores/as e mañá manterán unha xuntanza coa Fiscalía. “Trátase duns feitos moi graves que non imos permitir, xa que estamos a falar da vulneración dun dereito fundamental contemplado na Constitución e no Estatuto do Traballadores/as”. Diante disto, reclaman unha actuación áxil do Xulgado e da Fiscalía.

Ao mesmo tempo, adiantan que este xoves terá lugar o acto de conciliación no SMAC polo despido de dous candidatos da CIG. “Non haberá acordo senón readmiten os dous traballadores despedidos e non fan unhas eleccións sindicais limpas; ademais, terían que pedir desculpas publicamente por un xeito de actuar que non ten antecedentes na comarca en máis de 20 anos”.

Volver