RESUMO
BASES PARA UNHA ESTRATEXIA GALEGA DA ENERXÍA. OBXECTIVOS E ACTUACIÓNS
O documento "Bases para unha Estratexia Galega da Enerxía" elaborado pola Confederación Intersindical Galega (CIG) -do que se recolle aquí un texto resumido- propón transformar o modelo enerxético de Galiza, superando a súa histórica dependencia e o papel imposto de subministradora de electricidade para o Estado español.
O estudo parte da situación enerxética galega no marco temporal de 2023, últimos datos publicados no momento da elaboración, e no contexto dunha transición co obxectivo de descarbonizar a base de electrificar, de xeito directo ou indirecto con distintos vectores enerxéticos, escenario con posibilidades moi potentes para Galiza.
A CIG propón unha estratexia enerxética galega que rompa co actual modelo colonial, promovendo a soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade. Aproveitando o excedente eléctrico e o potencial renovable, busca un sistema público que priorice o consumo local, a participación cidadá e o desenvolvemento industrial. No ámbito estatal, reclama cambios lexislativos para equiparar recursos naturais e reforzar competencias autonómicas. A central sindical afirma que a transición enerxética debe ser planificada para evitar desigualdades, impulsar a innovación e garantir beneficios para Galiza.
Excedentaria en xeración eléctrica (exporta unha media do 35-57%) -e dependente enerxeticamente pola importación de combustibles fósiles-, cubrindo desde 2020 o seu consumo interno con renovables en cómputo anual, demanda eléctrica que caeu un 33% en 2023 respecto á media 2011-2020 -no resto do Estado foi do 5%-, pola paralización de industrias electrointensivas como Alcoa e unha menor demanda doméstica e industrial. Isto reflicte unha transición enerxética incompleta, xa que non se observa un aumento do consumo eléctrico en substitución dos carburantes fósiles.
A densidade de potencia eólica (0,131 MW/km²) é a maior do Estado, e o 83,1% dos concellos teñen centrais de xeración, evidenciando unha forte presión sobre o territorio, resultado dun modelo centralista que prioriza intereses externos e xera impactos sociais e ambientais sen retorno económico significativo.
Logo dunha análise das políticas enerxéticas estatal e galega, e das estratexias doutras zonas do Estado establecidas ata xullo de 2024, a CIG fixa unha serie de obxectivos e actuacións, no ámbito galego e estatal, que determinan as bases dunha estratexia propia, imprescindible, necesaria, obrigada e urxente, baseada na soberanía, a xustiza social e a sustentabilidade, coa premisa dunha visión da enerxía como un ben público e da súa subministración como un servizo público, básico, esencial e universal.
Obxectivos e actuacións
A maioría das 19 medidas que integran as bases poderían, con decisión política, desenvolverse no actual marco competencial e regulamentario, aínda que outras demandan modificacións legais. Actúan sobre do conxunto das actividades do sistema eléctrico, na xeración, no transporte, na distribución, e na comercialización, nun marco propio establecido por unha Lei Galega do Sector Eléctrico, que maximice as competencias autonómicas, promova a enerxía de "quilómetro 0" (consumo local) e regule a participación local (oferta mínima do 51% da propiedade, e efectiva dun 20% mínimo), e por un Plan Galego Integrado de Enerxía e Clima, ferramenta de planificación propia para priorizar o beneficio económico e social, cun consumo no País, sen renunciar ás necesarias e imprescindibles conexións.
Como complemento do anterior, e como un elemento tamén fulcral, contémplase un instrumento de xestión propio, un Ente Público ou Empresa Pública Galega da Enerxía, para participar e dirixir a transformación enerxética, unha aporta pola planificación, impulso e participación nos diferentes sectores enerxéticos, polo de atracción de empresas de bens e servizos de gran valor engadido, impulsando a cadea de valor e a I+D+i e a competitividade, sobre de todo no almacenamento enerxético.
Fronte ao actual incremento das desigualdades sociais derivado da actual planificación e execución da transición, a CIG entende prioritario e indispensable un Plan Social de información, sensibilización, capacitación e recualificación, que posibilite a participación activa, consciente e crítica, individual e colectiva, que contemple instrumentos e mecanismos de equidade social.
Demandas xa coñecidas desenvoltas pola CIG, mesmo coa tramitación de ILPs, como a recuperación das centrais hidroeléctricas con concesións superadas, tamén as inter-comunitarias, para a súa xestión pública, ou a Tarifa Eléctrica Galega, cunha maior concreción, tamén forman parte das bases.
No ámbito estatal inclúense medidas sinxelas de aplicar (pagos por capacidade, estatuto electrointensivo, melloras nos nodos de evacuación e conexión, eliminación do límite dos 50 MW para unha autorización exclusiva autonómica), e outras que requiren de maior decisión política, non pola súa complexidade, como a consideración do vento como ben público, equiparándoo á auga, para substituír autorizacións administrativas por concesións temporais que revertan á sociedade; a obrigatoriedade de actos públicos rexistrados de explicación dos proxectos, na fase de actuacións previas; a demanda un novo Plan Sectorial que amplíe a Rede Natura 2000, estableza distancias mínimas de 1.500 m entre eólicos e núcleos poboacionais, e rexeite a eólica mariña pola súa incompatibilidade coa pesca e a biodiversidade.
O documento completo pode consultarse https://cig.gal/documento/bases-para-unha-estratexia-galega-da-enerxia-2025-17018.html