A CIG presenta recurso xudicial no TSXG contra o sistema de control das baixas médicas da Xunta

Este contencioso-administrativo é un paso máis da central sindical fronte a actual ofensiva do Goberno galego contra as persoas traballadoras
Nacional - 13 Xul 2026

A CIG vén de interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Resolución do 20 de maio de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade, pola que se acorda a publicación da modificación da Instrución do 1 de abril de 2019 que establece o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal (IT) polo persoal inspector médico e subinspector sanitario -controlador da xestión da incapacidade temporal- das unidades de Inspección e Control de Saúde Laboral da Consellaría.

A central sindical cuestiona a legalidade dunha medida que fai parte da actual ofensiva do Goberno galego contra as persoas traballadoras, que se está a disfrazar dunha suposta “axilización” e “reforzo do control” da inspección sanitaria na loita contra o chamado “absentismo laboral”. Cando con esta manobra o que fai a Xunta é blindar as mutuas para que controlen por completo as baixas médicas da sanidade pública. 

Von esta manobra o que fai a Xunta é blindar as mutuas para que controlen por completo as baixas médicas da sanidade pública

Estas modificacións anunciadas polo propio presidente galego chegan no marco dunha ofensiva patronal e mediática coa que se pretende instalar un “discurso perigoso” no que enfermar se volve sospeitoso, ao prevalecer a presión económica sobre o criterio clínico, ademais de supoñer unha fiscalización crecente do criterio profesional do persoal de Atención Primaria.

Esta nova Resolución da Consellaría modifica o protocolo común para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal e habilita a Inspección de Servizos Sanitarios a permitir, cunha única autorización, todas as probas e procedementos relacionados co proceso de IT que soliciten as entidades privadas. Cando na redacción anterior a autorización era proba a proba, e sempre que as probas ou procedementos foran solicitadas previamente polas persoas profesionais da sanidade pública.

Deste xeito, habilítase as mutuas a solicitar cunha única autorización as probas diagnósticas, tratamentos e procedementos de rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común, sen que figure ningunha limitación polo tipo de patoloxía, nin que estas fosen solicitadas polas profesionais da sanidade pública.

A única condición que se mantén é que as probas e procedementos conten co consentimento informado do/da paciente conforme ao marco legal actual. Mais a CIG cuestiona se é realmente libre o consentimento nun contexto de criminalización das persoas traballadoras en IT; e se pode entenderse que non outorgar este consentimento sexa considerado unha falta de colaboración no proceso de curación, coa consecuente perda da prestación económica. Ademais, inquiren se ese asentimento constituirá un cheque en branco “para que a mutua realice todo que considere pertinente”.

Cartos públicos, negocio privado

As mutuas poderán realizar estas probas e procedementos con recursos propios ou mediante contratación con terceiros -é dicir, coa sanidade privada- a través de procedementos regulados. A central sindical advirte que a instrución non recolle ningunha referencia a como se vai financiar o incremento de probas e procedementos, xa sexa con recursos propios das mutuas ou vía contratación coa sanidade privada. 

En calquera caso, sexan cartos do SERGAS ou dos fondos da Seguridade Social, suporá unha derivación de cartos públicos cara á sanidade privada, reforzando a esta e debilitando a pública. “En lugar de apostar e reforzar a sanidade pública e eliminar as listas de agarda que non fan máis que medrar, as mutuas incrementan a súa derivación de cartos públicos cara á sanidade privada”, censura o secretario xeral da CIG. Paulo Carril. 

En lugar de reforzar a sanidade pública e eliminar as listas de agarda, as mutuas incrementan a súa derivación de cartos públicos cara á sanidade privada

A nova redacción inclúe, entre os procedementos que poden realizar estas entidades, os procesos rehabilitadores, que non figuraban na instrución anterior. Como consecuencia, a central sindical denuncia que as mutuas terán o control total do diagnóstico, tratamento e rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común.

Serán as propias entidades privadas as que decidan as probas diagnósticas e os procedementos terapéuticos e de rehabilitación das persoas en situación de IT, sendo quen seleccionan a que persoa e que probas e procedementos se solicitan e realizan. Ademais, “se a criterio das mutuas é preciso realizar novas probas ou procedementos, poderán ser solicitadas e autorizadas co mesmo trámite, reforzando o control total destas sobre as persoas traballadoras en situación de IT”, advirte Carril.

Ademais, a Resolución inclúe que as probas e procedementos realizados polas mutuas se incorporen á historia clínica electrónica dos e das pacientes. Porén, a central sindical alerta que non figura ningunha garantía de que as entidades colaboradoras -e, de ser o caso, a sanidade privada- non poidan acceder ao conxunto da historia clínica das persoas traballadoras en incapacidade temporal.

Por todo isto, a CIG puxo en marcha unha campaña de información e mobilizacións ante esta ofensiva contra os dereitos da clase traballadora, que agora dá un paso máis coa presentación dun recurso contencioso-administrativo co que se pretende a retirada desta Resolución co obxectivo de garantir o mantemento da autorización proba a proba todas de todos os procedementos relacionados co proceso de IT que soliciten as entidades privada e que esta se basee exclusivamente no criterio das e dos profesionais da sanidade pública.

A central sindical demanda tamén a paralización total do financiamento de calquera actuación solicitada polas mutuas, así como impedir o acceso á historia clínica electrónica das persoas traballadoras e o reforzo real da sanidade pública fronte á derivación de cartos públicos a favor da sanidade privada e das mutuas.

Finalmente, anuncia que seguirá a mobilizarse e a levar a cabo cantas accións estean na súa man para defender os dereitos das persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal e para frear calquera intento de privatización encuberta da xestión da IT.