Presentada denuncia penal contra Estado e Xunta por prevaricación e delitos contra os traballadores/as por mortes nas obras do AVE

Dende a CIG acusan de "desleixo absoluto" ás Administracións á hora de evitar os accidentes

Ourense -

A CIG vén de presentar unha denuncia penal no Xulgado de Instrución de Verín contra o Ministerio de Emprego e a Consellaría de Economía, Emprego e Industria por prevaricación e delitos contra os dereitos dos traballadores/as polo “desleixo absoluto” á hora de evitar os graves accidentes, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE dende 2013.

Na central están “fartos/as de acudir a organismos que se pasan a pelota duns a outros”, polo que reclaman a apertura de dilixencias de investigación contra os responsábeis do que poderían constituír varios delitos contra a seguridade dos traballadores/as e prevaricación administrativa. 

A central formulou moitas denuncias administrativas  que non deron ningún resultado

A Unión Local de Verín e A Limia da CIG ten formulado múltiples denuncias administrativas, tanto diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social como da Subdelegación do Goberno en Ourense, “sen obter máis resultados que promesas de analizar a sinistralidade na zona e mesmo declaracións de incompetencia, por parte da ITSS, para poder acceder aos túneles do AVE”.

Segundo explican, nas obras da alta velocidade que se executan nos treitos entre os concellos da Gudiña e Vilar de Barrio a concentración de accidentes de traballo, mesmo mortais, é de tal magnitude que revela “no só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto, tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral e dereitos dos traballadores/as por parte das empresas adxudicatarias das obras e das Administracións públicas concedentes, como na responsabilidade in vigilando da esixencia dese cumprimento por parte dos órganos gobernamentais de inspección e seguridade no traballo da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galiza e do Ministerio de Emprego”.

Catro operarios mortos nos últimos catro anos

Dende a CIG lembran que nas obras de construción do AVE na provincia de Ourense producíronse nos últimos anos, como mínimo, os seguintes accidentes de traballo graves:

a) O 2 de abril do 2013 morre un enxeñeiro de 37 anos atropelado nun dos túneles do AVE no Concello de Vilar de Barrio.

b) O 17 de xuño do 2014 morre un traballador de 42 anos ao caer dunha pá excavadora nas obras do AVE no treito da Gudiña a Vilariño de Conso.

c) O 5 de agosto do 2014 un incendio no tunel do Corno (no Concello de Vilar de Barrio), producido ao pe dun depósito de detonadores de explosivos, provoca a intoxicación e evacuación de 13 traballadores/as.

d) O 7 de xullo do 2015 a CIG denuncia perante a ITSS e da Subdelegación do Goberno en Ourense a realización de xornadas maratonianas por parte dos traballadores/as das obras do AVE, como causa dos accidentes de traballo.

e) O 15 de setembro do 2015 un traballador de 31 anos morre e outro fica ferido grave ao caer dende un canastro de traballo, nas obras do AVE do treito Prado-Cerdedelo.

f) O 23 de marzo do 2016 un operario sofre a amputación dunha man nas obras do tunel do AVE no treito de Cerdedelo, séndolle reimprantada no hospital Povisa de Vigo.

g) O 6 de novembro do 2017 un operario de 35 anos morre no interior do tunel do Corno en Laza.

h) O 30 de novembro do 2017 un condutor de tractor é ferido grave nas obras do AVE en Laza.

i) O 19 de decembro do 2017 seis obreiros son evacuados dun incendio nas obras do tunel do AVE en Laza.

Volver