A CIG participou nunha misión sindical en Palestina

Para valorar a situación da clase traballadora e tomar iniciativas de apoio na defensa dos seus dereitos
Nacional - 17 Mar 2017

A CIG participou nunca misión sindical en Palestina e Israel -iniciada o 5 de marzo-, para coñecer como vai evolucionando o conflito na zona, como afecta á poboación palestina, especialmente aos traballadores e traballadoras, e artellar iniciativas de apoio e solidariedade na defensa dos seus dereitos.

Ademais da CIG, na misión participaron outras organizacións sindicais de distintos países: CUT do Brasil, CSN do Quebec, Solidarity Center de Estados Unidos, FGTB de Bélxica, CGT de Francia, CGIL de Italia, CCOO e USO do estado español e ELA de Euzkadi.

Encontros con varias organizacións

Desde o primeiro día, as/os integrantes da misión tentaron percorrer as distintas zonas ás que se pode ter acceso (descartando a franxa de Gaza, polas dificultades de acceso) e que marcan a división entre os distintos territorios: Xerusalén, Nablus, Tulkarem, Rama-llah, Tel Aviv, Qalqiya,…. Mantendo encontros  con varias organizacións sindicais: PGFTU, Federación de Sindicatos Independentes, Sindicato Independente de Tulkarem e a Federación Independente de Mestres, de Palestina, e Histadrut, WAC e o Sindicato de Condutores de Israel.

Ao tempo contactouse cunha organización israelí de atención aos traballadores e traballadoras inmigrantes, Kav LaOved, cun grupo de traballadores/as da área de Xericó e púidose observar in situ como funcionan os controis de paso (check points) a través do muro, visitando o control de Qalqiya. A nivel máis institucional, houbo encontros co Ministro de Traballo palestino, Mamoun Abu Shahla, coa Delegación da UE en Palestina, e co representante en Xerusalén da OIT.

O obxectivo da misión era coñecer como vai evolucionando o conflito na zona, como afecta á poboación palestina, especialmente aos traballadores e traballadoras, e mostrarlles a nosa solidariedade, observando a situación nos lugares de conflito, escoitando as súas queixas e propostas, e, con toda esa información, emprender no futuro accións conxuntas que corrixan o estado actual de discriminación, inxustiza e incumprimento dos dereitos laborais e dos dereitos humanos contra a poboación palestina e a súa clase traballadora.

Explotación e control absoluto da poboación

A pesar da situación actual, de grande división entre as organizacións sindicais palestinas, e as diferenzas que existen entre elas, hai plena coincidencia na denuncia sobre as precarias condicións laborais e a discriminación que os/as traballadores/as palestinos/as están a sufrir, non só pola explotación a que os/as someten as empresas, senón pola situación de ocupación que o estado de Israel exerce sobre os seus territorios, e o abafante control sobre as súas vidas e mobilidade. Todas estas informacións foron contrastadas durante a estancia polas persoas participantes na misión, que tamén viviron persoalmente nos desprazamentos eses controis.

A situación vai empeorando cada día, a ocupación israelí consolídase e incrementa a súa presenza en territorio palestino, mantendo un control absoluto. Na zona de Gaza, á que xa non puideron ter acceso, viven máis de dous millóns de persoas, pechadas nun territorio que vén a ser unha grande prisión, sometida a constantes ataques dos barcos israelís, e sen infraestruturas para poder desenvolver unha vida normal (auga, electricidade, vivendas,…). O territorio correspondente a Cisxordania (60 km cadrados), e que foi marcado polos acordos internacionais (acordos de Oslo) como territorio palestino, vese ocupado por constantes novas construcións ou asentamentos de colonos xudeus, e o 40% das infraestruturas están en mans israelís.

Isto impide un normal desenvolvemento da economía no territorio, con altos niveis de pobreza e unhas cifras de paro entre a súa poboación do 38%, e obrigando a xente a traballar en territorio de Israel, incluso no que está ocupado de xeito ilegal nas máis de 200 colonias existentes, con entradas de uso exclusivo para comunicarse entre elas, e muros que as rodean como unha serpe (850km de muro de 8m de altura), impedindo a normal mobilidade da poboación palestina e someténdoa a constantes controis de paso a través dos máis de 450 check point que teñen instalados de xeito fixo, e os móbiles nas estradas que deberían ser de dominio Palestino.

Imposibilidade de organizar o territorio e a economía

Existe un movemento entre os territorios de máis de 80.000 traballadores/as palestinos/as, case a metade, coa condición de ilegais para Israel (a xente que traballa nas colonias, sobre todo na construción, e que non ten o correspondente permiso). Dáse pois o paradoxo de que, por necesidade de subsistencia, a poboación palestina está a contribuír co seu traballo, sen regulación, a consolidar a presenza israelí no seu territorio.

Nestas circunstancias resulta imposíbel organizar o territorio e o transporte, afectando á poboación estudantil, á xente maior e, por suposto, a todo ese colectivo de persoas que teñen que desprazarse cada día para traballar. O territorio parece unha zona cercada, con altofalantes intimidatorios e peches de portas de control, para estreitar intencionadamente o paso da xente e provocar aglomeracións.

O tempo de chegada e saída do traballo convértese nun calvario e, por se fora pouco, non teñen o mesmo trato nos seus postos que o resto de traballadores/as residentes en Israel, nin as mesmas prestacións, a pesar de pagar por elas (pagan por 20 servizos e só teñen dereito a 12).

As mulleres, aínda máis discriminadas

Dentro desta discriminación, as poucas mulleres que pasan os controis para traballar (a maioría na agricultura) aínda son máis discriminadas, cobrando salarios inferiores aos homes, usando sen protección produtos químicos de risco para a saúde, e carecendo de dereitos durante o período de maternidade, que deixa desamparados/as aos seus pequenos/as durante a súa xornada laboral.

Ante esta situación, algunhas organización sindicais e a Autoridade Palestina volven a vista de novo cara ao territorio palestino, tratando de mellorar as condicións para crear emprego. Pero a realidade é que esas condicións son moi inferiores ás que, aínda discriminados/as, teñen en Israel (o capital non ten patria). E xa existe o tráfico ilegal de persoas entre os territorios.

A Autoridade Palestina iniciou a posta en marcha dun sistema de seguridade social, cunha achega do 7% dos traballadores/as e un 9% do empresariado, con 1% para accidentes laborais, pero aínda está a dar os seus primeiros pasos. Algo semellante acontece en Xerusalén, tanto no que ten a ver coa progresiva ocupación israelí da zona palestina, como no que respecta ao trato discriminatorio nos seus postos de traballo.

E no que se refire á poboación palestina con cidadanía israelí, teoricamente terían as mesmas condicións que o resto, mais sofren a discriminación e as limitacións que se lles impoñen en aspectos fundamentais para o seu desenvolvemento: aprendizaxe do idioma, recursos educativos escasos, tanto no ensino básico como superior, escasas prestacións municipais no seu lugar de residencia,…en definitiva, unha clara desigualdade de oportunidades.

Reforzar a solidariedade

Como conclusión e traballo posterior á misión sindical, as organizacións que participaron na mesma consideran necesario reforzar aínda máis a solidariedade co pobo palestino e o compromiso de emprender accións, tanto coas organizacións internacionais,  coma no propio territorio para, en colaboración coas organizacións sindicais e sociais palestinas, demandar un cambio de actitude que corrixa este proceso de colonización que se está a dar, contra todo tipo de acordos e tratados internacionais, e con constantes violacións dos dereitos humanos e laborais.

A Coruña, a 17 de marzo de 2017

Departamento de Relacións Internacionais CIG