A CIG participou no XXIX Congreso da PEO de Chipre
Baixo o lema “Construír o futuro sobre as loitas de hoxe: traballo digno e con dereitos” celebrouse o 29 Congreso da PEO (Federación Panchipriota de Traballadores/as) durante os días 4 e 5 de decembro na súa sede nacional de Nicosia, no que estivo presente unha delegación da CIG conformada por Amanda Rei, responsábel do Departamento de Relacións Internacionais e Cooperación, e Plácido Valencia, Secretario da Federación de Construción e Madeira.
Na xornada do día 3, previa á celebración do congreso, tivo lugar unha Conferencia Internacional á que acudiron e na que interviñeron unha vintena de delegacións internacionais a fin de afrontar a actualidade do impulso da economía de guerra e da escalada belicista, así como tamén dos ataques contra a xustiza social e contra os dereitos da clase traballadora.
Co obxectivo de alicerzar as relacións de solidariedade e internacionalismo, recordouse o valor do intercambio de perspectivas, da avaliación de tácticas e de compartir experiencias entre as organizacións presentes baixo a temática común da “Resistencia ás guerras e á militarización – Na defensa da xustiza social e dos dereitos da clase traballadora”, como se recollía no lema.
No caso concreto da illa chipriota, lembrouse que 37% do territorio permanece ocupado polo goberno turco e que fica instalada na illa a maior extensión de bases militares británicas empregadas pola OTAN. A organización sindical PEO reafirmou os seus esforzos xunto con organizacións da parte ocupada pola reunificación do territorio e da poboación para avanzar no proceso de unidade encamiñado so a loita por un futuro de paz e xustiza social.
Encontro coa UITBB
A delegación da CIG recibiu tamén a benvida do Secretario Xeral da UITBB – Unión Internacional de Construción, Michalis Papanikolaou; da que a Federación de Construción e Madeira da CIG forma parte e que desenvolveu o seu congreso no pasado mes de novembro en Lárnaca (Chipre).
Os dous representantes do sector celebraron unha xuntanza na súa sede central para recapitular sobre os aspectos tratados neste último congreso e sobre os retos a afrontar no próximo período.
Durante as xornadas do 4 e do 5 celebrouse o 29 Congreso, onde se debateron os relatorios de organización e de acción sindical. Nel interviñeron tamén persoas traballadoras en representación de cada un dos sectores, cunha especial incidencia nas problemáticas da construción como unha das federacións máis fortalecidas e combativas da organización. Na tarde producíronse as votacións para escoller cargos e organismos coa reelección de Sotiroula Charalambous como Secretaria Xeral e coa renovación do Consello Xeral conformado por 127 integrantes.
Cunha mensaxe de solidariedade coa loita da clase traballadora e do pobo chipriota nos retos a afrontar no período que segue, a CIG reafirmou coa súa presenza e durante a intervención no seminario internacional a relación de amizade e cooperación coa que é a principal central sindical da illa.