A CIG participou no II Seminario Internacional “Xustiza para Palestina” celebrado en Barcelona

Acudiron arredor de 80 persoas en representación de organizacións sindicais de toda Europa

Barcelona -

Durante os pasados días 18 e 19 de maio, desenvolveuse na Universidade de Barcelona o II Seminario da “Rede Sindical Europea Xustiza para Palestina” que, a través de obradoiros e relatorios, abordou nesta ocasión as complicidades da Unión Europea, os seus estados e as corporacións, na vulneración dos dereitos da poboación palestina, e de xeito moi especial a clase traballadora, por parte de Israel.

Máis información

Todas as informacións, materiais, informes e conclusións, estarán accesíbeis nos vindeiros días na páxina web da Rede Sindical Europea Xustiza para Palestina.

Tamén se puxeron as bases para deseñar estratexias comúns de cara ao futuro de colaboración e solidariedade sindical, entre as propias organizacións europeas e coas palestinas, así como ao establecemento de relacións, deseñando campañas, compartindo métodos e explorando vías de coordinación, xunto con movementos sociais, na defensa dos dereitos humanos e o cumprimento das resolucións internacionais.

Durante o Seminario, presentouse un estudio elaborado por investigadores da Universidade de Birzeit, seguido dunha mesa redonda con analistas e especialistas en dereito, que se centraron de xeito especial no Acordo de Asociación UE-Israel. Este foi o tema que serviu como centro para o posterior debate por grupos, e posta en común das súas conclusións.

Denuncia da colaboración da Unión Europea

A outra parte, na que tamén se traballou por grupos posteriormente ás relatorios, centrouse no deseño de campañas, algúns exemplos prácticos e as delegacións a territorio de Palestina.

Expuxéronse os exemplos das campañas feitas contra G4S, contra HP, da militarización en curso da UE con tecnoloxía israelí, o papel de Frontes, PESCO e os programas de investigación europeos para alimentar ás compañías militares israelís, ou a campaña desenvolvida en Francia contra entidades bancarias que participaban financieiramente en empresas que actuaban en territorio palestino ocupado por Israel.

A intención , explica o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, era, máis alá das campañas do BDS, que grande parte das organizacións alí presentes subscribiron denunciar a colaboración da Unión Europea e os seus estados con Israel, na explotación de recursos e do traballo palestino, e violando constantemente o dereito internacional e os dereitos da xente de Palestina.

Manifestos de apoio

Ao final da última sesión, rendeuse unha homenaxe a todas as persoas asasinadas por Israel durante as manifestacións pola conmemoración da Nakba e contra a inauguración da nova embaixada dos Estados Unidos en Xerusalén, tal e como Trump tiña anunciado, nun acto máis de provocación, e pasándose por alto as propias resolucións da ONU.

Deuse lectura a un manifesto, no que se esixe a fin da política de discriminación étnica e xenocidio da que é vítima o pobo palestino; se propoñen diferentes formas de presión ao goberno do Estado de Israel, coa suspensión dos acordos comerciais e o embargo; unha condena á actitude violenta contra as persoas traballadoras e á complicidade internacional; e no que se esixe o respecto aos dereitos individuais e colectivos do pobo palestino.

Para rematar, todas as persoas participantes no Seminario sumáronse á manifestación de conmemoración da Nabka e os 70 anos de resistencia palestina, que percorreu as rúas de Barcelona, desde a Universidade até a Praza de San Jaume. Alí deuse lectura a un manifesto final que denuncia a situación colonial que segue a padecer Palestina, a violación por parte de Israel dos dereitos humanos, e a complicidade internacional que deixa impunes todas as atrocidades que está a cometer.

21 de maio de 2018

Departamento de Relacións Internacionais CIG.

Volver