A CIG participa nos congresos ordinario e extraordinario da CTA-A en Bos Aires

Tamén estivo presente no Seminario Internacional sobre a expansión do sistema capitalista
Internacional - 02 Mai 2018

O pasado día 28 de maio celebráronse en Bos Aires os congresos ordinario e extraordinario dun dos dous sectores en que está actualmente dividida a Central de Traballadores/as da Arxentina Autónoma (CTA-A), ao que asistiu a CIG como convidada. A central sindical tamén participara, o pasado 17 de abril, en Mar de Plata, ao Congreso celebrado pola outra parte da CTA. Consolídase así o proceso de división da CTA en dúas partes.

Seminario Internacional sobre “A expansión do capitalismo e o neoliberalismo a nível global”

Antes da celebración do Congreso, o día 27 de maio, a CIG estivo nun Seminario Internacional sobre “A expansión do capitalismo e o neoliberalismo a nivel global”, no que participaron tamén representantes das distintas estruturas e sindicatos da CTA-A e delegacións convidadas de Paraguai, Chile, Uruguai, España, Euskal Herria e Galiza. O Brasil incorporouse ao día seguinte.

A xornada comezou cunha introdución e reflexión sobre como veu evolucionando nos últimos tempos o mundo do traballo e o vertixinoso avance do capitalismo. Os cambios estruturais a nivel tecnolóxico; os importantes cambios políticos que se produciron nos últimos anos; a ofensiva do capital sobre o mundo laboral e os seus conflitos (O Chile de Pinochet como campo de ensaio das políticas que se expandirían despois); a crise das teorías Keinesianas; a Escola de Chicago; unha concentración económica esaxerada en poucas mans; a expansión típica do capital e a intensificación da explotación onde xa estaba instalado; a perda de poder dos estados; a diversificación dos procesos de produción alí onde sexa máis rendíbel; as regras “globais” establecidas para favorecer ao poder económico, ...puntos todos estes que establecen unha serie de interrogantes nas que se tratou de afrontar no debate posterior: 

  • Procesos de renacionalización de certos estados, no senso máis conservador, e xurdimento das políticas populistas (triunfo de Trump, o Brexit, o medre da ultradereita en Europa).
  • Como impacta todo isto na clase traballadora e o dereitoao traballo?
  • Están realmente os estados en condicións para afrontar esa estratexia?
  • Que cambios debe afrontar o sindicalismo para facer fronte a esta situación?

Sobre este contexto, e poñendo en común as circunstancias e situacións que se están a padecer nos respectivos países, chegouse á conclusión de que, fóra das casuísticas diferenciadoras, os problemas son bastante semellantes en todas partes, e van intimamente ligados á precariedade laboral, o recorte de servizos e dereitos, a represión e a perda de soberanía dos pobos, en favor das grandes corporacións. Do mesmo xeito concluíuse que só se pode actuar contra estas políticas coa mobilización e a loita (se non hai conflito, non hai posibilidade de vitoria).

Diante disto abordouse a necesidade de articular unha estratexia común sindical a nivel internacional, máis alá das respostas locais que cada quen debemos afrontar e ao apoio solidario.

Congresos ordinario e extraordinario

Xa no día 28, desenvolvéronse consecutivamente os dous congresos, baixo o lema “Unidade na loita, autonomía, liberdade e democracia sindical”, cun total de 454 delegados/as acreditados/as, dos/as 656 que estaban previstos inicialmente para “toda” a CTA-A (contando coas dúas partes), e con presenza de 23 provincias das 24 que ten Arxentina, a asistencia de novos sindicatos que se van sumar, de diversas organizacións sociais e das delegacións estranxeiras convidadas. Todo o proceso congresual se desenvolveu baixo a supervisión dunha notaria, que deu fe dos dados e actas.

Abriuse o congreso coa intervención do compañeiro representante da CUT do Brasil, facéndolle unha sentida homenaxe a Lula da Silva, e esixindo a súa inmediata liberación, para que poida presentarse ás eleccións presidenciais, tal e como a maioría do pobo reclama e diante da ausencia de probas que xustifiquen a sentenza condenatoria de ingreso na cadea polo xuíz Moro.

Pasouse a unha segunda fase de informes, debate e votacións sobre temas de saúde laboral, da Comisión de Poderes, do balance de recursos feitopola Secretaria de finanzas, da Secretaría de Xénero(con un pequeno paréntese para lembrar o apoio á campaña na defensa do aborto, e coa presenza da responsable da Plataforma), e da Memoria 2015-2018, así como a elección da Xunta Electoral que se encargará de supervisar o proceso convocado para o vindeiro día 8 de agosto.

Seguiu despois un amplo debate, no que foron moi numerosas e interesantes as intervencións de delegados e delegadas, facendo fincapé nunha serie de mensaxes:

  • A necesidade de manter a coherencia sobre os principios fundacionais da CTA.
  • A total autonomía e independencia con respecto a calquera organización política ou institucional.
  • A necesidade de autonomía financeira e económica.
  • Implicación de todos os sectores sociais do mundo do traballo, sexa formal ou non, así como de colectivos de desempregados/as, xubilados/as, etc.
  • Afastamento do modelo sindical burocratizado (non queren ser a esquerda das burocracias).
  • A colaboración e implicación con outras entidades sociais (Barrio de pé e outros).
  • A modificación de estatutos para dar cabida ás distintas correntes ideolóxicas, sobre todo as minoritarias, comezando por baixar a alta porcentaxe do 20% que se lles esixe neste intre.
  • Democratización do sindicato.
  • Confluencia e unidade con outras organizacións sobre puntos de encontro e obxectivos concretos, pero non a calquera prezo e sen renunciar aos principios fundacionais, e sen practicar o pactismo co goberno e as patronais ás costas dos traballadores e traballadoras.
  • Paridade de xénero nos organismos.
  • Necesidade de incrementar a afiliación, tanto individual, como doutras organizacións.
  • Solidariedade e loita contra o alarmante incremento da represión por parte do goberno.
  • Aposta clara e continuista pola mobilización. Diante das políticas neolibarais do goberno de Macri, é necesario seguir loitando, non só nos conflitos locais ou de sector, senón en toda a nación. (De feito o Primeiro de Maio anunciaron a convocatoria dunha Folga Xeral para o 10 de maio)
  • Colaboración na loita de clases internacionalista, e especial coordinación inter fronteiriza coas organizacións do Brasil, Paraguai, Uruguai e Chile, para afrontar os problemas comúns que afectan a traballadores/as da rexión.
  • Non faltou o chamamento a entenderse, mesmo a quen pensa distinto e optou neste intre por outras vías.

1º de maio:

Tamén fomos convidados a participar na conmemoración do 1º de maio que, xunto con outras organizacións, a CTA-A celebrou en Bos Aires, cunha marcha ata o Monumento “Canto ao Traballo”, desde a Avda. da Independencia e a Avda. 9 de xullo.

A CIG reitera “todo o noso respecto polo proceso interno no que están mergullados os compañeiros e compañeiras da CTA-A, dun lado e doutro, e o noso compromiso de colaboración nos termos en que, finalmente, eles/as mesmos/as decidan, sempre en beneficio e interese da clase traballadora dos nosos países e en xeral, e coa amizade que vimos mantendo desde hai xa moitos anos”.