A CIG participa nos actos de conmemoración do 50º aniversario da República Árabe Saharauí Democrática celebrados en Auserd

A representación sindical galega, acollida pola UGTSARIO, tomou parte durante dous días en distintas actividades
Internacional - 14 Abr 2026

A CIG estivo presente nos actos de conmemoración do 50 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) celebrados na wilaya de Auserd, nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís dos territorios arxelinos, durante os días 8 e 9 de abril de 2026.

Nestas dúas xornadas a representación sindical acollida pola UGTSARIO, organización sindical do pobo saharauí, puido participar en distintas actividades para lembrar os feitos do 27 de febreiro de 1976. Entre elas, a asistencia ao desfile de tropas e do exército, así como das distintas comitivas en representación dos axentes sociais da sociedade saharauí, como o persoal sanitario ou o persoal da educación e, en particular, formouse parte da comitiva de representación sindical liderada pola UGTSARIO.

O discurso do presidente da RASD e secretario xeral da Fronte Polisario centrouse na reivindicación dos 50 anos de loita e resistencia en dignidade do pobo saharauí, na persistencia na reclamación do referendo de autodeterminación con garantías e na recuperación dos territorios ocupados por Marrocos en pleno proceso de negociación. Puxéronse de manifesto os logros da constitución dun estado en pleno exilio nos territorios arxelinos para o que, sen desatender a importancia que as mulleres saharauís tiveron na súa organización, se desenvolveron e dotaron de infraestrutura distintos elementos fundamentais para a sociedade, tales como o sistema educativo, sanitario ou a consecución doutros servizos básicos para garantir unha mínima calidade de vida para a poboación nestas condicións inhóspitas, como a auga corrente ou a luz eléctrica.

Cómpre lembrar, así mesmo, que os feitos acontecidos arredor da histórica proclamación da RASD por parte da Fronte Polisario o 27 de febreiro de 1976 en Bir Lehlu (Smara, Sáhara Occidental) desencadéanse precedidos da traizón do Estado español, que participara da execución do ilexítimo proxecto do Gran Marrocos, polo que este reclamou o dereito sobre o territorio do pobo saharauí. Trátase, pois, dun conflito creado por unha descolonización que non se chega a garantir por parte da potencia colonial e cuxa responsabilidade aínda recae a día de hoxe sobre o Goberno español como potencia administradora que segue a ser actualidade.

A presenza da CIG, en coherencia co principio de defensa da soberanía dos pobos e do antiimperialismo, veu ratificar o compromiso histórico do pobo galego coa causa saharauí, especialmente coa UGTSARIO, na súa loita pola liberdade e independencia política, sendo parte da activa e facéndose eco da denuncia das reiteradas violacións do dereito internacional, da denuncia pola explotación de recursos do pobo saharauí coa conivencia da Unión Europea e do Estado español e da denuncia da violación dos dereitos humanos padecida polos presos políticos saharauís e pola poboación civil nos territorios ocupados; así como tamén na exixencia de que o mandato da MINURSO sexa eficiente na celebración dun referendo vinculante e con garantías para exercer o dereito de autodeterminación e rematar coa ocupación marroquí do Sáhara Occidental.

A CIG reitera a súa solidariedade con base na crenza de que a loita do pobo saharauí e da Fronte Polisario, como lexítimo representante, é unha loita de carácter político, unha loita pola liberación cuxa única solución posíbel, digna, coherente e xusta coa defensa do dereito de autodeterminación dos pobos do mundo é a consecución dun Sáhara Occidental libre de ocupación e plenamente soberano.