A CIG participa no VII Congreso da Intersindical Valenciana
A principal organización sindical no País Valencià, a Intersindical Valenciana, celebrou o seu VII Congreso na cidade de Gandía durante o 21, 22 e 23 de novembro baixo o lema “El sindicat valencià. La força del poble”, ao que acudiu unha representante da CIG xunto con outras máis de vinte delegacións internacionais.
O programa iniciouse na xornada do venres 21 coa realización da Conferencia Internacional a cargo da intervención plenaria do profesor Miquel Ramos baixo o título “Sindicalismo antifascista para combater o auxe da extrema dereita”. Este lembrou a actual ofensiva e reorganización do fascismo a través da complexidade do actual contexto global, incidindo especialmente no concepto de “batalla cultural” e exemplificando este avance a partir da indefinición dos límites entre o centro-dereita e a extrema-dereita, entre outros aspectos.
Posteriormente, as delegadas e delegados representantes das organizacións internacionais convidadas tiveron oportunidade de intervir para explicar as diversas realidades e os mecanismos que cada organización desenvolve no seu territorio.
Durante a tarde produciuse o acto de apertura, que veu marcado pola intervención e presenza de organizacións e representantes do País Valencià. De entre estes/as, destacaron as intervencións, emotivas á par que reivindicativas, de dúas asociacións xurdidas a partir da catástrofe do 29 de outubro de 2024: a Associació de Víctimes de la DANA e a Associació 29 de Víctimes Mortals 29 de octubre. Após a actuación musical dunha artista local, iniciáronse os traballos definidos para este congreso.
Aprobada a creación dunha caixa de resistencia
Cunha alta cifra de acreditación das delegadas e dos delegados chamados a participar (cerca de 200), debatéronse e aprobáronse durante a xornada do sábado 22 e domingo 23 de novembro os relatorios de Saúde Laboral e Medio Ambiente, de Acción Sindical, da Intersindical de Mulleres, da Intersindical LGTBI+ e de Organización, mais tamén outros aspectos como a determinación de ámbitos ou a actualización dos estatutos consonte aos cambios.
Cómpre destacar a aprobación da creación dunha caixa de resistencia como logro significativo da organización, así entendido polo conxunto do congreso, para o que se determinou a creación dunha comisión de traballo que puidese iniciar os traballos de articulación desta ferramenta.
O 23 de novembro, última sesión do proceso, escolléronse con 94% dos votos favorábeis as persoas integrantes do Secretariado Confederal, así como tamén da Comisión de Garantías e Conflitos e da Comisión de Control Financeiro. No remate da xornada, léronse 17 resolucións sobre diversos temas, entre as que destaca a exixencia da convocatoria de eleccións.
Intervención da CIG
Durante as intervencións das delegacións internacionais convidadas, a representante do Departamento de Relacións Internacionais da CIG, Amanda Rei, parabenizou o traballo desenvolvido durante os últimos catro anos, que se reflectiu tanto no aumento da representación sindical como da afiliación en todos os sindicatos que compoñen a central.
Incidiu en que, pese a estaren os últimos tempos marcados pola catástrofe provocada pola acción neglixente de Mazón e do seu goberno, a central valenciana tivo un papel chave na resposta organizada do pobo traballador valenciano, coas mobilizacións, manifestacións nacionais e a convocatoria de folga; e no éxito na disputa do relato á extrema dereita arredor das responsabilidades fronte á DINA.