A CIG participa no IV Congreso da CTB e no Seminario Internacional celebrado en Bahia

A central foi convidada a intervir no debate sobre globalización, dereitos e democracia
Nacional - 29 Ago 2017

A CIG vén de participar como convidada no IV Congreso Nacional da Central de Traballadores e Traballadoras do Brasil (CTB), que se celebrou en Salvador de Bahia do 24 ao 26 de agosto, e no Seminario Internacional que se realizou previamente, baixo o lema “Democracia e luta. En defensa do emprego e dos dereitos”. Os debates deste encontro desenvolvéronse arredor de dous temas: a crise do capital, 4ª revolución industrial; e sobre globalización, dereitos e democracia. A CIG foi convidada pola organización a intervir neste segundo tema.

Durante a primeira xornada do encontro, as numerosas delegacións das organizacións  presentes debateron sobre a difícil conxuntura actual para a clase traballadora, as ameazas que nos veñen baixo a xa denominada Industria 4.0 e a necesidade de que a clase traballadora asuma un papel protagonista no coñecemento, xestión e control desas novas tecnoloxías que van significar un cambio radical no mundo do traballo.

Analizáronse as nefastas consecuencias da globalización para a clase traballadora, que supuxo un incremento da precariedade, a explotación, a pobreza e as desigualdades sociais, en beneficio do grande capital. E concluíuse na necesidade de que, diante desta situación de avance do capital e o imperialismo, das grandes potencias que o sustentan, cómpre xuntar as nosas forzas para dar a loita de clases un pulo na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras en todo o mundo.

Abordouse tamén a necesidade de non perder a perspectiva do lugar que deben de ocupar as organizacións sindicais diante dos conflitos que o capital provoca, a dereita política executa e os seus medios de comunicación difunden de xeito manipulado, para disfrazalos de progreso e democracia. Venezuela é un claro exemplo disto e saíu a relucir no debate constantemente (tamén se aprobou unha resolución de solidariedade co réxime bolivariano durante o congreso).

IV Congreso da CTB

Tras do Seminario, comezou o Congreso da CTB, coa participación de máis de 1.100 delegados e delegadas, ademais das delegacións convidadas, tanto de organizacións sindicais de todo o mundo, como de cargos institucionais do Brasil e internacionais. O proceso desenvolveuse nun ambiente moi dinámico, participativo, aberto e reivindicativo, con constantes críticas ao goberno golpista ilexítimo de Témer e chamamentos á unidade de acción sindical para loitar contra o mesmo e reverter a situación política no Brasil.

Unha acción que faga realidade o tan repetido berro de “Fóra Témer”, recuperar a maioría parlamentaria da esquerda e regresar ás políticas sociais iniciadas polo goberno de Lula, paralizando todos os procesos que en tan pouco tempo puxo en marcha o goberno actual sobre a reforma laboral, a conxelación de investimentos durante os 20 vindeiros anos ou a privatización dos servizos públicos e os recursos naturais, poñendo os recursos enerxéticos en mans das multinacionais estranxeiras, como Petrobras ou Electrobras, e deste xeito, pondo tamén en perigo a propia soberanía do país.

Neste IV Congreso, e despois de 10 anos de existencia, a CTB consolídase como terceira forza sindical do Brasil, definíndose como “Uma central de Luta”  e sendo a que máis medrou durante estes últimos anos. Segundo dados comentados no congreso, ten xa  máis de 1.000 sindicatos afiliados e representa a máis de 10 millóns de traballadores e traballadoras.  
Rematados os debates e marcada a liña de traballo para os vindeiros anos, elixíronse os novos órganos de dirección da central,  encabezados polo presidente, Adilson Araujo, reelixido por aclamación (un voto en contra e dúas abstencións de todos/as os/as asistentes).

Intervención da CIG

Desde a CIG manifestamos o noso agradecemento polo convite, así como todo o noso apoio e solidariedade na loita que a CTB, xunto con outras centrais sindicais do Brasil, están levando a cabo contra o goberno golpista de Témer, así como na defensa dos traballadores e traballadoras do Brasil. A central nacionalista comprometeuse a seguir participando en todas as campañas que poidan desenvolver con eses obxectivos, tanto de carácter mediático ou divulgativo, como participando en mobilizacións de carácter internacional.

Estamos seguros de que, co espírito que vimos durante o congreso, as ideas políticas que se expuxeron, os obxectivos, e o modelo sindical que defenden, moi en liña co da CIG, terán moitos éxitos no futuro e, con esa unidade de acción que reclamaban con outras organizacións sindicais, poderán botar ao goberno actual do poder e recuperar a senda das políticas sociais e de defensa da soberanía do Brasil.

Salvador de Bahia, 27 de agosto de 2017.

Dpto. de relacións internacionais