A CIG participa no I Encontro Sandinista de Soliedariedade con Nicaragua

Aprobouse, por unanimidade, unha Declaración Especial sobre Palestina
Internacional - 23 Out 2023

Os días 21 e 22 de outubro celebrouse na sede, Casa das Asociacións de Rivas-Vaciamadrid o I Encontro Sandinista de Solidariedade con Nicaragua, baixo o lema “Unidos pola Independencia e a Soberanía”, con gran éxito de asistencia e participación e a presenza de representantes das Embaixadas de Nicaragua, Venezuela e Cuba así como a participación e debate, vía telemática, con dous altos cargos do Goberno de Nicaragua: Orlando Tardencilla, asesor do Presidente da República de Nicaragua para Políticas e Relacións Internacionais. e Brenda Rocha, presidenta do Consello Supremo Electoral de Nicaragua.

Con máis de 60 participantes de vintecinco organizacións relacionadas coa solidariedade e o internacionalismo, algunhas con apoio explícito á Revolución Sandinista, organizacións internacionalistas, organizacións sindicais e organizacións políticas, foi un encontro moi plural e dinámico.

Traballouse en catro obradoiros que recolleron as diferentes realidades da situación político-social de Nicaragua enmarcadas na actual situación mundial:

1-Crise do imperialismo e decadencia de Occidente,

2-Historia antiimperialista de Nicaragua,

3- A guerra híbrida dos EUA contra Nicaragua e

4- Logros da Revolución Sandinista cuxas conclusións foron presentadas ao Pleno da Xunta.

Así mesmo, aprobouse por unanimidade unha Resolución e un Plan de Acción para continuar os traballos deste Primeiro Encontro, cumprindo o obxectivo do Grupo Promotor deste evento, de posicionarse como plataforma fundamental como espazo de debate e acción da Nicaragua Sandinista. Tamén se aprobou por unanimidade unha Declaración Especial sobre Palestina.