A CIG participa no Congreso Nacional Ordinario e Extraordinario da CTA-A de Arxentina

Celebrado o 17 de marzo baixo o lema “A unidade é o único camiño”
Bos Aires - 20 Mar 2018

 A CIG participou no  Congreso Nacional Ordinario e Extraordinario que a Central dos Traballadores e Traballadoras da Arxentina Autónoma (CTA-A) celebrou en Mar del Plata  o pasado  17 de marzo. Baixo o lema de “A unidade é o camiño” este congreso veu enmarcado nunha situación moi particular pola que atravesa a Arxentina, condicionada por un goberno de dereitas neoliberal que está a atentar contra os dereitos e conquistas da clase traballadora en materia social, política e económica.

“Reformas económicas que levan ás clases populares á situación de máis de 50 anos atrás, centos de miles de despedimentos que non paran, tanto no sector público como privado, represión da protesta social, encarceramento de opositores/as, censura na prensa e peche de medios de comunicación independentes, conforman o panorama que levou á CTA-A a sentar as bases para o debate que tivo lugar no encontro”, explica o responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera.

Co obxectivo de enfrontar esta situación, celebrouse este congreso, coa necesidade de promover a unidade do movemento obreiro, e formulouse como punto central a discusión da unidade entre a CTA Autónoma e a CTA dos Traballadores e Traballadoras (CTA-T), como ferramenta de empoderamento da clase obreira arxentina de cara a facerlle fronte ás políticas de axuste do goberno de Mauricio Macri. Esta unidade, apunta Rivera, comezou xa hai uns meses coas convocatorias conxuntas  de mobilizacións, e preténdese ir consolidando de cara ao futuro, tanto na acción, como a nivel organizativo.

Esta foi a imaxe que se trasladou á opinión pública na rolda de prensa que deron para todos os medios o propio Pablo Micheli, Secretario Xeral da CTA-A, Roberto Baradel, da CTA-T e Pablo Moyano, do Sindicato de Camioneiros da CGT, na que anunciaron que celebrarán asembleas por todo o país, previas a unha grande asemblea cara ao mes de maio, nun estadio e cunha convocatoria conxunta para o 1º de maio. “Falaron desa estratexia de unidade e de ampliala a outras organizacións sindicais e sociais, e de preparar unha grande ofensiva contra o goberno de Macri e as súas políticas”, informa o responsábel de Relacións Internacionais da CIG.

O futuro do traballo e os desafíos do sindicalismo

O proceso congresual estivo precedido pola celebración na véspera dun seminario internacional baixo a consigna “O futuro do traballo e os desafíos do sindicalismo”, que se abriu coas intervencións de Pablo Micheli, Julio Gambina, como moderador, Dörte Wollrad, como representante da Fundación Friedrich Ebert Stiftung, que colaborou na organización, e das persoas que abriron o debate en cada unha das dúas mesas ou paneis:

- As reformas no escenario arxentino. Que cambios, modelos e diálogos poden propoñerse desde a organización sindical? A cargo de Roberto Baradel (SUTEBA-CTA-T), Pablo Moyano (Sindicato de camioneiros –CGT) e Rubén Sobrero (Unión ferroviaria-Sección Oeste-CGT).

- Flexibilización e dixitalización. A cargo  de Diego Masello (CIEA-UNTREF)  no apartado “trocos no emprego dentro da rexión e os desafíos para os traballadores e traballadoras”. E co Marcio Monzane (Uni-Global) na mesa sobre “O futuro do sindicalismo. Perspectivas rexionais. Estado da situación e desafíos para a rexión”.

A seguir abriuse un debate entre todas as persoas participantes das distintas delegacións internacionais, no que a CIG expuxo brevemente a situación en Galiza, “non só no que ten a ver co retroceso nos dereitos laborais, senón polas limitacións que supón non ter soberanía e estar dependendo dun estado como o español, centralista e cun goberno corrupto, e baixo a tutela dunha UE como institución antidemocrática e autoritaria, que foi creada para a defensa dos intereses do capital e dos grandes estados, non dos pobos nin da súa cidadanía”. 

Ratificación das propostas de unidade

O día 17 desenvolveuse o congreso no que se ratificaron as propostas de unidade polas que se convocou, e coa asistencia de máis de 300 delegados e delegadas, dun total de 650 aproximadamente que estaban convocados/as.

Esta grande ausencia de delegados/as, aclara Xosé Lois Rivera, débese “á situación interna que vén padecendo a propia CTA-A que, debido ás discrepancias entre parte dos seus dirixentes e afiliación, está practicamete dividida en dúas partes que non se recoñecen mutuamente e que, polo tanto, están destinadas a loitar pola lexitimidade nos tribunais, unha a que estaba presente nese congreso, e outra que non está neste intre nese proceso de unidade e que celebrou o seu propio congreso extraordinario xusto nas mesmas datas (o día 16) en Bos Aires, do que saíu un comunicado claramente diferenciador e rupturista cos postulados deste congreso”.

A este respecto engadiu que independentemente dos motivos de fondo destas discrepancias e diferenzas, “ben de estratexia, ben de carácter político, ou ben persoais, e desde o máximo respecto que temos polas decisións que ambas dúas partes poidan tomar, desde a CIG desexamos que poidan chegar de novo a un entendemento, non só pola boa relación que sempre mantivemos coa organización, senón porque a situación pola que está a pasar a clase traballadora arxentina neste momento demanda xuntar forzas, sempre que as diferenzas sexan salvábeis, para loitar contra a ofensiva neoliberal de Macri”

Sentida e emotiva homenaxe ao compañeiro da CIG Moncho Boán

No congreso, e dentro da parte do programa adicado aos saúdos de delegacións convidadas, fíxose unha mención especial de recoñecemento a cariño ao compañeiro Moncho Boán, anterior responsábel de Relacións Internacionais da CIG, que asistiu ao congreso con invitación persoal e por atoparse nesas datas de viaxe por Arxentina.

“Unha mostra máis da pegada que o compañeiro foi deixando no nome da CIG polo mundo adiante e que se percibe claramente no tratamento que lle dan, non só á súa persoa, senón á CIG como organización sindical a nivel internacional. Un instante emocionante do congreso, para o propio Moncho e para quen nos sentimos orgullosos do seu traballo e de que a CIG sexa recoñecida dese xeito”, aseverou o actual responsábel de Relacións Internacionais da central sindical.