A CIG participa no Congreso do Sindikad Labourerien Breizh (SLB) na Bretaña

A central bretoa atópase en proceso de refundación e reestruturación, para o que foi fundamental a renovación das liñas de acción sindical
Internacional - 28 Ago 2026

A CIG participou no Congreso do Sindikad Labourerien Breizh (SLB) que tivo lugar o pasado 24 de agosto en Saint-Brieuc (Bretaña) baixo o lema ‘Por un sindicalismo popular na Bretaña’ (‘Mont war-zu ur sindikaliezh poblek e Breizh’).

A organización bretoa, cunha traxectoria de 25 anos desde a súa fundación e co que a CIG comparte moitos dos seus principios ideolóxicos, encóntrase actualmente nun momento de refundación e reestruturación para o que foi fundamental a renovación das liñas de acción sindical de cada un dos cinco sindicatos que compoñen a central.

Especialmente importante é o reto que se afronta en educación ante as eleccións sindicais do sector público no próximo decembro coa concorrencia por vez primeira xunto con outras organizacións doutras nacións do Estado francés. Cómpre lembrar, neste sentido, que o sistema educativo do ámbito público encóntrase fortemente centralizado, polo que as reivindicacións do sector ampáranse no dereito a restrinxir o ámbito de mobilidade ao territorio bretón e a un concurso propio de ensinanza ou sobre o dereito a unha educación en lingua bretoa e centrado nun currículo propio. No ámbito das escolas bretoas DIWAN, acolleuse a proposta da necesidade dun novo convenio colectivo para o persoal traballador que permita garantir unhas condicións de traballo dignas e para defender unha escola bretoa con dereitos.

No ámbito sindical do sector de produción (aquel en que aglutinan industria, agricultura, entre outras) situouse o obxectivo principal de superar as dificultades para organizar os traballadores agrarios, especialmente na escala da pequena produción e do modelo cooperativo. Mais incluso no sector da agricultura e gandería intensiva, especialmente desenvolvido nas macrogranxas porcinas na Bretaña, recoñécese que a sindicalización é especialmente feble. En consecuencia, preséntase este como un reto xeral para a organización bretoa.

Alén dos dous principais elementos de debate indicados, presentáronse dúas resolucións como propostas fundamentais para o seguinte mandato. Por unha banda, a representación das mulleres no sindicato, actualmente moi feble, é un reto para a organización, que pretende ensanchar a base de militancia das mulleres e a súa incorporación en organismos de responsabilidade. Con este fin, crearase unha comisión feminista non mixta con capacidade de decisión sobre os acordos tomados na organización e traballarase na formación feminista da militancia da organización, sempre acorde ao principio de loita contra o sistema patriarcal e contra a discriminación das mulleres no ámbito laboral, así como para confrontar todas as formas de violencia que sofren.

Loita contra a pobreza e a precariedade

Por outra banda, a loita contra a pobreza e a precariedade como estratexias de debilitamento da clase traballadora bretoa, mais comúns á actual ofensiva do capital a nivel internacional, constitúen outro dos eixos de loita pendente na procura por parte do SLB dunha articulación de resposta máis ampla, que inclúa movementos sociais e asociativos.

A presenza da CIG nun congreso do SLB por vez primeira, alén de supor a oportunidade de compartir a experiencia da central sindical máis representativa da clase traballadora galega, consolida a apertura dun marco de relacións que permitirá estreitar lazos entre as dúas nacións, coñecer a realidade da nación bretoa, da súa clase traballadora e do movemento pola liberación nacional na Bretaña.