A CIG participa na xuntanza da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina

Avaliáronse as campañas organizadas e abordáronse novas propostas de actuación
París - 01 Feb 2018

O pasado día 30 de xaneiro celebrouse en París unha nova reunión do Comité de Coordinación da Plataforma Sindical Europea de Apoio a Palestina, da que a CIG forma parte, na que se avaliaron as iniciativas levadas a cabo dende o último encontro e abordáronse as novas propostas a desenvolver para o presente ano.

Xunto á representación da CIG, no encontro participaron representantes de FGTB de Bélxica, Solidaires de Francia, Unison NI, TUFP de Irlanda, Fagforbundet de Noruega, UNISON do Reino Unido, IAC de Catalunya, LAB de Euskadi (desculpou ausencia ELA), BNC organización internacional, e ECCP.

Balance de campañas

En dita reunión de traballo fíxose balance das campañas levadas a cabo por cada unha das organizacións nos seus respectivos países. Neste senso, a CIG desenvolveu iniciativas en contra dos acordos da UE con Israel, contra os muros, e polo anuncio de Trump de recoñecer a Xerusalén como capital de Israel.

Repasáronse as decisións tomadas na anterior reunión celebrada en Barcelona, e o seguimento do cumprimento das mesmas; valorouse a elaboración da páxina web e os aspectos técnicos, contidos e colaboracións; e acordouse pór en marcha a edición da revista dixital na web o vindeiro día 15 de febreiro.

No relativo a novas propostas, explica Xosé Lois Rivera, responsábel de Relacións Internacionais da CIG, a central sindical formulou darlle a maior difusión posíbel á Iniciativa a través de dúas canles concretas: por un lado, aproveitando a participación da CIG no Foro Social Mundial que se celebrará en Salvador de Baía no mes de marzo; e doutra banda, xestionando unha entrevista co Grupo Parlamentar Europeo da Europa dos Pobos -ou outros que puideran manifestar o seu compromiso coas demandas da Plataforma-, para presentarlles a  iniciativa, e pedirlles que trasladen o debate ao Parlamento Europeo. Ambas as dúas propostas da CIG foron aprobadas.

Xunto a isto, na reunión decidíronse as accións a levar a cabo durante o presente ano 2018; a estrutura e coordinación da Iniciativa de cara ao futuro; e tratouse a situación  e as propostas para a organización da Conferencia Internacional que se celebrará o vindeiro mes de maio en Barcelona. “Xa se especificaron os paneis dos que constará, as persoas propostas para intervencións e as organización sindicais que serán convidadas que, nesta ocasión, decidiuse que só se invitará a dúas do territorio de Gaza”.

Así mesmo, apuntouse á importancia de prestarlle atención ao listado de empresas que están a incumprir os acordos da ONU e teñen acordos comerciais con Israel, explotando recursos de Palestina, e facilitado pola  Human Rigths Council.

Finalmente, falouse sobre os contactos con organizacións e persoas en Palestina; e o financiamento e achegas económicas de cada unha das organizacións.