A CIG participa na Conferencia Sindical Internacional sobre “O futuro do mundo do traballo”

Debateuse sobre cuestións como a robotización e as plataformas dixitais e as súas consecuencias

Internacional -

A principios do mes de decembro celebrouse en Lisboa unha Conferencia Sindical Internacional sobre “O futuro do mundo do traballo” organizada pola CGTP-IN de Portugal. Unha Conferencia na que, durante dous días, representantes de 28 organizacións sindicais de todo o mundo, entre elas a CIG, -xunto con representantes da OIT (Organización Internacional do Traballo); FSM (Federación Sindical Mundial); CSI (Confederación Sindical Internacional); CISA (Confederación Internacional de Sindicatos Árabes); OUSA (Organización de Unidade Sindical Africana) e CES (Confederación Europea de Sindicatos)- debateron sobre a situación do mundo do traballo e o seu futuro.

O acto de apertura correu a cargo de Arménio Carlos, secretario xeral da CGTP, e os membros da Comisión Executiva do sindicato abriron cada unha das sesións, nas que tamén interviron todas as organizacións presentes, utilizando como base un documento aportado pola propia CGTP.

A CIG valora moi positivamente esta Conferencia. Entende que é importante seguir preparándose para enfrontar os retos que veñen e defender a forza do traballo, nomeadamente de cara ao debate que se prevé no seo da OIT para o ano 2019, coincidindo coa celebración do seu centenario.

Ademais, a central sindical comparte a análise do documento preparado pola CGTP-IN, que considera moi completo, tanto polo seu contido, como polos datos aportados. Un texto que permitiu abrir un debate, desde diversos puntos de vista, no que se abordaron as distintas problemáticas que se presentan de cara ao futuro do traballo, tomando como referencia de partida unha perspectiva do pasado e máis a preocupante situación actual.

Cuestións a debate

Entre os aspectos abordados valorouse a cuestión da concentración da riqueza en mans do 1% da poboación mundial, a custo da explotación da clase traballadora, a progresiva precarización do traballo e o incremento da desigualdade e os niveis de pobreza. Xunto a isto analizouse a reaparición da escravitude en moitos países e colectivos e a existencia do traballo infantil en moitas zonas do planeta.

Debateuse arredor da crise estrutural do capitalismo e da perda de dereitos laborais nos últimos anos, valorando que as mulleres son quen máis sofren a precariedade e arredor dos efectos da Revolución Científica e Tecnolóxica no mundo do traballo, como resultado da acumulación histórica de coñecemento que debera facilitar as condicións de vida dos seres humanos e que, porén, se non o evitamos, pode ser utilizada como parte da manipulación ideolóxica e instrumento de explotación da clase traballadora, por parte do capital e as grandes transnacionais. Abordouse tamén, en concreto, sobre o seu impacto sobre as relacións laborais e o emprego.

Plataformas dixitais

Tamén se analizou a proliferación das plataformas dixitais e a carencia de relacións laborais entre traballadores/as e entidades contratantes, sen posibilidade de que se organicen, e sen posibilidade de regular e controlar as xornadas laborais. Abordouse tamén a cuestión da robotización como forma de privatización da intelixencia humana e a súa capacidade creativa, ademais da mentalización de que a creación de emprego debe vir pola vía individual, como “emprendedores/as”, sobre todo na xente nova.

A raíz desta cuestión analizáronse as consecuencias que todo isto pode traer para a Seguridade Social, os Servizos Públicos e as Funcións Sociais dos países e deuse un intenso debate sobre a Renda Social Básica, como retroceso e chantaxe sobre a clase traballadora  para adaptarse á actual situación e aceptar, de facto, a escaseza de emprego e a precariedade do existente, xunto coas consecuencias sobre as poboacións migrantes e refuxiados/as.

Necesidade da mobilización e a loita

As organizacións sindicais  valoraron a necesidade da acción reivindicativa, a loita diaria, a valorización do traballo dos/as traballadores/as  e da acción colectiva para loitar contra este proceso no que nos está a someter o capital.

Consideraron a importancia de marcar uns salarios mínimos dignos en cada país e unha lexislación laboral que respecte e asente os dereitos da clase obreira e a negociación colectiva como instrumento fundamental e irrenunciábel, así como o dereito de folga.

Soberanía

Apostaron pola mellora de competencias no traballo; por paralizar a crecente degradación ambiental; frear o dominio supranacional do capital, as grandes corporacións e os tratados de libre comercio e valoraron o importante papel da soberanía, na defensa dos dereitos, no só dos pobos, senón da clase traballadora.

Este foi un dos aspectos que xerou maior debate, pois tanto a CGTP-IN como a CIG e moitas das organización presentes, defenderon que democracia, soberanía e independencia nacional son valores intrínsecos á emancipación dos traballadores e traballadoras, e ten un papel insustituíbel no desenvolvemento da sociedade, dun réxime de liberdade e desenvolvemento económico ao servizo da satisfacción das necesidades materiais e espirituais do ser humano. Isto é fundamental para que o poder económico se subordine ao poder popular. Polo tanto, consideraron que son esixencias que os sindicatos deben asumir como súas e que, porén, por parte dalgunhas organizacións presentes, de estados centralizadores, esencialmente de Europa, isto non se acababa de entender.

Outras das cuestións tratadas foi a da cooperación internacional do movemento sindical e a OIT e que papel deben xogar de cara a este futuro que se nos presenta, ademais da acción e cooperación do movemento sindical para a valorización do traballo. A solidariedade internacional.

Volver