A CIG participa en Montevideo no 60 aniversario da unificación da PIT-CNT
Baixo o título “Internacionalismo, integración rexional e futuro do traballo” foron chamadas a participar distintas organizacións sindicais e sociais, entre as que se encontraba a CIG
Internacional - 09 Out 2026
A central uruguaia pechou o ciclo de actividades de conmemoración do 60ª aniversario da súa unificación coa celebración dun seminario internacional durante os días 3 e 4 de outubro na súa sede en Montevideo.
Este evento, destinado ao diálogo, serviu para recuperar a historia do momento fundacional da PIT-CNT como resultado da unificación dos dous sindicatos que a precederon e dos que aínda conserva o nome, así como para extrapolar o contexto da súa creación en plena ditadura aos retos dun presente dominado polo auxe do fascismo como parte da ofensiva do capital contra a clase traballadora.
Durante as dúas xornadas, aproveitouse a ocasión como espazo de debate e intercambio, cunha proposta ambiciosa de mesas redondas e charlas coas que a central uruguaia quixo situar a necesidade imperante dunha axenda sindical internacional conxunta.
Atendeuse particularmente o caso da América Latina neste novo escenario xeopolítico, os precedentes e retos relativos á integración rexional. Alén disto, desenvolvéronse outras intervencións centradas na axenda internacional sindical, concretamente cuestións fundamentais para a axenda das esquerdas e do sindicalismo, tales como o cambio climático, a transición xusta e o desenvolvemento produtivo sostíbel; as migracións e a mobilidade humana, e xa por último, recapitulouse sobre o papel do sindicalismo como actor internacional.
Como resultado destas dúas xornadas, presentouse e aprobouse unha declaración conxunta por estes 60 anos de historia de unificación, que incluíu a condena ao ataque imperialista ao pobo e ao goberno cubano por parte dos EUA e á continuidade do xenocidio contra o pobo palestino.
Coa súa presenza, a central sindical galega veu ratificar unha relación estreita e consolidada entre as dúas centrais, unidas ademais por lazos históricos entre os pobos uruguaio e galego.