A CIG-Ourense rexeita os datos do SEPE sobre a creación de emprego na provincia, que cualifica de propagandísticos

Segundo o organismo público, no 93% dos concellos ourensáns creáronse postos de traballo en 2015
Vigo - 27 Xan 2016
A Unión Comarcal da CIG de Ourense vén de facer público o seu rexeitamento aos datos do Servizo Público de Emprego (SEPE) que sosteñen que no 93% dos concellos da provincia creáronse postos de traballo durante 2015. Dende a central entenden que se trata dunha “conclusión optimista que consideramos propagandística xa que non se axusta á realidade”.

A CIG-Ourense sostén que os datos recollen o número de traballadores/as inscritos/as como parados/as nas oficinas de emprego “sen ter en consideración a perda de poboación que se produce nos distintos concellos, o aumento da emigración de mozos/as, o avellentamento da poboación con aumento considerable de persoas que pasan a ser pensionistas por xubilación, polo que se está a perder poboación activa e ocupada”.

Dende a central sindical indican que tamén hai que ter en conta distintos factores como o aumento dos contratos temporais -que provocan unha rotación no emprego- e os colectivos de parados/as que deixan de figurar nas estadísticas do SEPE por considerar inoperativo este organismo para conseguir emprego.

“A situación real da provincia con respecto ao emprego é que continúa avanzando cara a desertización total, pois os sectores chave como son a construción e a industria están esmorecendo e non se está a crear emprego, ou no menor dos casos estase a substutuír o fixo por temporal”, explican.

Diante disto, dende a CIG demandan da Xunta de Galiza un plan de Desenvolvemento Industrial que contemple o peche dos ciclos produtivos das materias primas na provincia e outro de Dinamización do Sector Agrario que reactive este sector, e que impida o despoboamento das zonas rurais.