A CIG non negociará ningunha medida que supoña rebaixar as condicións laborais e salariais do persoal de Pescanova

A central sindical compareceu en rolda de prensa para avaliar o inicio das negociacións dos convenios colectivos de todas as filiais do grupo

A Coruña -

A CIG compareceu este mércores en rolda de prensa para avaliar o inicio do proceso de negociación dos convenios colectivos que rexen nos distintos centros de traballo do grupo Pescanova e adiantar que a central sindical non vai entrar a negociar ningunha medida que supoña unha rebaixa das condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores.

Así o subliñou a Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez Castelo, que compareceu acompañada polo Secretario de Negociación Colectiva da Federación, Xesús García, o Secretario de Organización, Xosé Fernández Piñeiro, o responsábel da FGAMT na comarca de Vigo, Luciano Villar, e delegadas e delegados da CIG en distintas empresas do grupo Pescanova.

Ante as advertencias lanzadas polo consello de administración ás organizacións sindicais no inicio das negociacións, Martínez Castelo respondía contundentemente: o conxunto do cadro de persoal de Pescanova xa pagou a súa propia peaxe dende que a cúpula directiva, coas súas actuacións, levou a todo o grupo ao concurso de acredores.

“A paz social e a responsabilidade coa que actuou o cadro de persoal, incluso nos momentos máis delicados, non pode castigarse cunha maior precariedade nas relacións laborais e un recorte das condicións salariais e sociais. A empresa ten que ser competitiva, si, pero non pode fundamentar esa competitividade na redución da masa salarial das traballadoras e traballadores”, aseverou.

Un marco de negociación prexudicial

A Secretaria Nacional da FGAMT-CIG denunciou que o marco de negociación que presenta o Consello de Administración do grupo Pescanova resulta altamente prexudicial para o conxunto dos traballadores/as, ao pretender unha flexibilización da xornada laboral, a creación de categorías novas cun salario inferior ao actual, e unha rebaixa xenérica das condicións económico-sociais.

Ademais, o grupo empresarial quere facer valer a necesidade de “gañar  competitividade no mercado”, a conta de recortar poder adquisitivo á totalidade dos traballadores e traballadoras afectadas polos distintos convenios colectivos.

Xunto a isto, engadiu Martínez Castelo, a representación patronal nas mesas de negociación (constituídas o pasado 31 de marzo) ameazou coa posibilidade de aplicar o convenio de elaborados (ou outro marco regulador de ámbito estatal), que ten unhas táboas salariais inferiores a calquera dos convenios colectivos vixentes nas distintas filiais de Pescanova.

Con esta panorama á vista, a postura da CIG é clara: “non pactar, nin consentir, nin dar un só paso adiante no camiño de precarizar as actuais condicións laborais e sociais”. A este respecto, a representante sindical subliñou “que non foi o custe da masa salarial o que levou a empresa ao concurso, nin moito menos. Os motivos que levaron a esa situación foron outros que nada teñen a ver cos niveis dos salarios nin as condicións nos centros de traballo”.

A responsabilidade do cadro de persoal, sobradamente demostrada

Martínez Castelo puxo énfase na responsabilidade demostrada polo conxunto do cadro de persoal durante todo o proceso “que significou seguir traballando con normalidade, a pesar das dificultades, permitindo que nin o proceso produtivo nin a colocación dos produtos no mercado se viran afectados. Esa paz social, reiterou, non se pode ver agora recompensada con novos recortes”.

Sobre isto, sinalou que os traballadores e as traballadoras levan perdendo poder adquisitivo dende o ano 2012 e mesmo dende o ano 2013, o incremento salarial pactado foi do 0%. “Non vai ser o marco de negociación deste convenio colectivo onde as empregadas e empregados sigan pagando as consecuencias dun proceso que non provocaron, non foron a causa nin tampouco van ser a solución”, sinalou.

A Secretaria da FGAMT afirmou que “a CIG non vai asumir ningún recorte nos salarios, nin en cuestións que afecten á xornada laboral, á distribución da xornada, á mobilidade funcional ou xeográfica, á creación de categorías con salarios máis baixos, e moito menos, reducións de persoal”.

Por iso, engadiu, “o mantemento da paz social non vai depender exclusivamente da parte social, senón do talante negociador co que acuda a representación do actual consello de administración, e sempre que teñan en conta que a negociación se fai para a mellora das condicións laborais e nunca para un retroceso”.

Nesta liña, Fernández Piñeiro, prevé que a empresa intentará presentar os axustes salariais e socias como única vía para garantir os postos de traballo. Un aseveración que cualificou de “falacia”, posto que a viabilidade da compañía, “a día de hoxe non depende nin da alza nin da baixa dos salarios, senón da capacidade para financiarse no marco do convenio asinado coas entidades bancarias e da capacidade de penetración nos mercados”.  

Volver