A CIG non irá á xuntanza convocada este venres polo reitor da USC por considerar que é propagandística

Consideran que “é inadmisible” esta convocatoria “informativa, informal e unidireccional”, máis nun contexto de “negociacións incumpridas e de órganos infrautilizados”

Compostela -

A sección sindical da CIG da USC dirixiu un escrito ao reitor da universidade para comunicarlle a súa intención de non acudir á xuntanza á que foron convocadas/os para mañá venres. Entende que para dar conta das bases e liñas xerais da planificación da política de persoal na Universidade, tanto en PAS coma en PDI, existen na actualidade órganos constituídos con competencias, regras de negociación e de representatividade xa fixadas, que serían os pertinentes para ser convocados con estes fins, mais cando “nos estamos atopando con feitos inadmisibles nunhas relacións laborais normalizadas”.

Entre eses feitos “inadmisibles” que se tiñan que tratar tanto na mesa de negociación sindical do PDI, como nos correspondentes ámbitos de negociación de PAS funcionario e PAS laboral, a sección sindical da CIG da USC sinala: que se teñan acordado calendarios e programas de traballo que non están sendo cumpridos;  que se amorticen prazas da RPT de PDI, ou se desdoten orzamentariamente outras nas RPT de PAS laboral e funcionario, sen cumprir cos procedementos establecidos; que se aproben ofertas de emprego e modificacións da RPT sen negociar, como as últimas do PAS laboral; que se executen precipitadamente reformas, como a fusión de departamentos, e que as súas consecuencias sobre o PAS funcionario se resolvan á présa e correndo sen a adecuada información e sen a correspondente negociación, entre outras.

A isto a CIG engade que existe un Consello de Participación Sindical, posto en marcha durante o actual mandato, que “sería o instrumento adecuado, no caso de querer convocar a PDI e PAS conxuntamente para calquera información-negociación”.

Manobra de propaganda

Por iso non entenden que se prescinda del para, no seu lugar, “convocarnos a esta xuntanza informativa, informal e unidireccional” a todos os efectos, da cal se dá ampla difusión nos medios antes mesmo de confirmar a súa realización. “Fai que nos resulte imposible non considerar que esta convocatoria só pode entenderse como unha manobra de propaganda, inadmisible sempre, pero máis neste contexto de negociacións incumpridas e de órganos infrautilizados”.

Consideran, fronte a isto, que o procedente nestas circunstancias sería realizar unha convocatoria dalgún dos órganos conxuntos PAS-PDI, ou de cada un dos órganos representativos existentes, e coa maior rapidez posible, para poder abordar todas estas cuestións.

Por iso reiteran a súa negativa a asistir a esa reunión informativa, pero adiantan a súa total disposición a asistir a todas as reunión dos órganos competentes que se convoquen que teñan como obxectivo traballar na planificación da política de persoal na USC. Reunións que “permitan achegas construtivas, negociacións e acordos satisfactorios para tódalas partes”.

Volver