A CIG non asina o convenio estatal da industria química ao non limitar a contratación eventual e parcial nin as ETT

O acordo da patronal e CCOO e UGT non garante unhas condicións dignas

Nacional -

A CIG decidiu non asinar o convenio estatal da industria química xa que o preacordo subscrito recentemente entre a patronal Feique, CCOO e UGT non recolle as reivindicacións achegadas pola central para garantir unhas condicións laborais dignas e a estabilidade no sector, sobre todo no que ten que ver coa contratación parcial e eventual, a utilización de empresas de traballo temporal (ETT) e a cláusula de subrogación.

A CIG-Industria, que analizou en asemblea o contido do documento, sostén que o novo convenio non garante unhas condicións laborais dignas para o conxunto dos traballadores/as do sector, xa que non minimiza o impacto das últimas reformas laborais. En concreto, entenden que a negociación debera terse encamiñado a limitar a contratación parcial e eventual e a utilización de ETT, ademais de a garantir a estabilidade no sector incluíndo a cláusula de subrogación.

Ao mesmo tempo, critican que non se tivese incorporado ningunha cláusula que estableza que as condicións do convenio sexan as mínimas a aplicar nas empresas multiservizos, contratas e subcontratas e nos centros especiais de emprego que traballen para o sector, “facilitando así o empeoramento das condicións de traballo”.

Dende a federación de Industria da CIG apostan por unha formación nos centros de traballo orientada á cualificación, profesionalización e adaptación ás novas tecnoloxías dos traballadores/as do sector, “mais non compartimos a ampliación da xornada laboral para levalas a cabo”.

A respecto da creación dunha comisión para estudar a posibilidade de implantar un plan de pensións na industria química, na central amosan a súa oposición “a abrir camiño á privatización das pensións por medio da negociación colectiva, xa que entendemos que dende a parte social e empresarial debera apostarse por un sistema público de pensións digno, garantindo así un dereito constitucional”.

Volver