A CIG non asina o convenio de seguridade privada ao non recuperar os dereitos perdidos na última década

Sostén que a vía estatal está esgotada e reitera a necesidade de negociar un acordo a nivel galego
Nacional - 17 Nov 2017

A CIG non asinará o convenio do sector da seguridade privada pactado entre os sindicatos UGT, CCOO e USO e a patronal Aproser -a FES tampouco ratificará o acordo- xa que non supón recuperar os dereitos perdidos durante a última década. Dende a central sosteñen que a vía estatal está esgotada e reiteran que o único camiño que queda para mellorar as condicións de traballo no sector é contar cun convenio galego.

Segundo denuncia o secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o acordo entre os sindicatos españois e a patronal contempla un incremento salarial dun 0% para 2017 e do 2% en 2018, 2019 e 2020, “cando nós ciframos o perdido na última década nun 9%, xa que hai que ter en conta non só a redución da nocturnidade e festividade, senón tamén a desaparición dos pluses de vestiario e transporte e das pagas extras, ademais da continua conxelación salarial dos últimos dez anos”. 

A CIG cifra nun 9% o salario perdido na última década

Diante disto, cualifica o acordo de “baixada de pantalóns” e considérao “unha falta de respecto ao sector”. Critica que o documento conteña unha chea de xustificacións para convencer os traballadores/as de que se acadaron logros. “Sosteñen que mantiveron a antigüidade e a IT e que solucionaron o cómputo de xornada nos permisos retribuídos, nas vacacións e na IT, pero nós preguntámonos a quen beneficia isto; talvez deberan explicarlles aos traballadores/as por que non cobran os permisos segundo a xornada que traballan, por exemplo”.

Diante disto, considera que se trata doutro convenio de retroceso, cun incremento económico dun 6% en catro anos. “Isto supón unha media dun 1,5% anual, moi por debaixo do IPC, xa que as previsións apuntan que será de mais do 2% nos anos 2017, 2018 e 2019”. Ao mesmo tempo, sostén que non se lle dá unha resposta axeitada ás problemáticas do cómputo dos permisos retribuídos, asuntos propios, calendarios laborais ou abono das horas/mes. “Nada se quere falar do descanso anual compensatorio, en relación a engadir os 14 festivos obrigatorios anuais aos 96 días que establece este artigo”.

Outro dos aspectos negativos que salienta é a prohibición dos convenios de ámbito autonómico e exclusión das Comisións das organizacións non asinantes.”Tampouco quixeron modificar o artigo que lle permite á empresa obrigar os traballadores/as a facer un recoñecemento médico especial de xeito subxectivo <<cando aprecie>> condutas estrañas de carácter psíquico ou farmacolóxico.

A prol dun convenio galego

Pérez lembra que a CIG achegou propostas para afrontar as problemáticas do absentismo e do transporte de fondos “que foron rexeitadas polas partes, xa que só lles interesa reducir os dereitos dos empregados/as, polo que seguirán nesa liña, igual que seguirán atacando a antigüidade”. Tampouco se aceptaron propostas en relación ao valor das horas extraordinarias, “xa que non podemos entender que teñan o mesmo valor que as ordinarias”. 

Só lles interesa reducir os dereitos do persoal, polo que seguirán nesa liña

Ademais, foron rexeitadas propostas en relación á xornada e ao cómputo, así como as relacionadas coas licenzas, vixilancia da saúde, protección da maternidade e formación en materia de prevención, “correndo a mesma sorte as propostas para mellorar os contadores e operadores de CRA”.

As que si foron atendidas foron as feitas en relación á documentación na subrogación, dereito de reversión, formación obrigatoria, asistencia xurídica, excedencias e tempo de pago nos finiquitos. Tamén se tiveron en conta as que teñen que ver con situacións especiais da relación laboral.

Finalmente, anuncia que a CIG seguirá a loitar a nivel sindical e xudicial para acadar un convenio digno. “Non pararemos até lograr unhas condicións e uns salarios que permitan recuperar todo o que nos foi roubado, dignificando a figura do vixilante de seguridade, do sector e do traballo realizado polos profesionais da seguridade privada”. Ao mesmo tempo, entende que a vía estatal está completamente esgotada e reitera que o único camiño que queda para mellorar as condicións de traballo no sector é contar cun convenio galego.