A CIG mobilízase en solidariedade coa loita da clase traballadora francesa contra a reforma laboral

A central concentrouse diante dos consulados que o país galo ten en Vigo e na Coruña

A Coruña -

A CIG realizou este martes dúas concentracións simultáneas diante dos consulados de Francia en Vigo e A Coruña, en apoio e solidariedade coa clase obreira francesa na súa loita pola retirada da nova Lei do Traballo. As protestas, no marco da convocatoria promovida pola rede social europea Alter Summit, da que a CIG forma parte, coinciden cunha nova xornada de folga xeral no país galo.

Galería de imaxes

Xesús Seixo, Secretario Xeral da CIG, apuntaba durante a concentración da Coruña, que a Lei do Traballo que quere aprobar o goberno francés, recorda en grande medida ás reformas laborais impostas no Estado español nos últimos seis anos.

Unhas reformas que teñen moito que ver coa flexibilización da xornada laboral, redución dos salarios, que contribúen á precarización da contratación, que priorizan os convenios de empresa fronte aos sectoriais, marxinando e limitando ás organizacións sindicais na súa capacidade de acción.

“Un conxunto de medidas de flexibilización e desregulación dos dereitos laborais encamiñadas a precarizar as condicións laborais e debilitar a clase traballadora na súa capacidade de reposta”, aseverou Seixo, quen censurou a actitude represiva adoptada polo goberno francés en reposta ás mobilizacións sociais.

O Secretario Xeral da CIG denunciou que o capital estase a aproveitar da crise económica para impoñer toda esta serie de medidas, que lonxe de seren conxunturais, “veñen para quedarse” e forman parte “dunha política programada dende a UE” que busca levarnos cara un modelo social “de máis precariedade e de perda de capacidade reivindicativa por parte da clase obreira”, advertiu.

Seixo lembrou que as reformas do mercado laboral no estado español iniciáronse co último executivo de José Luis Rodríguez Zapatero, para despois o PP continuar e afondar nesta mesma senda.  “E agora en Francia tamén é o partido socialista quen a está aplicando. No relativo ás políticas de austeridade, de recorte de dereitos no ámbito social e laboral, tanto a dereita clásica como a socialdemocracia liberal están moi de acordo no modelo social, laboral e incluso produtivo que ten que haber no ámbito da UE”, censurou.

Ante esta regresión, Seixo destacou que resulta fundamental a solidariedade entre a clase traballadora dos diferentes países europeos. A este respecto, lamentou a escasa presenza nos grandes medios de comunicación das mobilizacións que a clase obreira está a desenvolver nas últimas semanas en Francia e Bélxica, a pesar da radical oposición da maioría social ás contrarreformas laborais.

Seixo engadiu que, en Galiza, a CIG seguirá contestando con mobilizacións todos as agresións aos nosos dereitos e condicións laborais. Seixo sinalou tamén que a conformación dun goberno en Madrid sen maioría absoluta (tal e como semella que vai acontecer), abre a posibilidade de mudar e corrixir a través da contestación social moitas das reformas laborais que o PP impuxo grazas a súa maioría absoluta.

No arquivo adxunto podes consultar o escrito que a CIG entregou nas oficinas do consulado francés.

Volver