A CIG mobilízase contra "vergoñento ERE" que Indra utiliza para desfacerse da representación sindical que lle resulta máis molesta

A empresa aprovéitase da reforma laboral que o Goberno segue sen derrogar
A Coruña - 19 Feb 2021

A CIG concentrouse este venres diante do edificio que o Grupo Indra ten no Polígono da Agrela (A Coruña) en rexeitamento aos despedimentos que está a executar a empresa, que ademais aproveita o ERE extintivo para desfacerse do persoal e dos sindicatos que lle resultan máis incómodos, aplicando, no remate do prazo, despedimentos selectivos de delegadas e delegados que se opuxeron á sinatura do acordo do expediente.

Este é o caso da compañeira delegada do persoal pola CIG, que se ten destacado durante anos no combate aos abusos de Indra e R, con multitude de folgas e demandas, e que agora é represaliada, "aproveitando a vergoñenta sinatura por parte de UGT e CCOO dun ERE que da carta branca á empresa para despedir".

O secretario de Organización da CIG da Coruña, Óscar Calvo, denunciou durante a concentración esta actuación vulneradora da liberdade sindical, xa que Indra utiliza o ERE para "deixar sen representación a todas as traballadoras e traballadores que, a través do voto, elixiron a sindicatos non compracentes coa empresa". De feito, subliñou que en todos os centros do Estado, a empresa xa despediu a máis de 30 delegadas e delegados de sindicatos non asinantes do expediente extintivo.

Lembra que no mes de novembro foi asinado un acordo de ERE para Indra Soluciones, que a CIG rexeitou xa que permite a empresa despedir inmoralmente a centos de compañeiros e compañeiras, aducindo que non teñen empregabilidade, "cando a empresa nunca quixo darlle formación nin recorrer a este persoal para acceder a novos nichos de negocio". 

Vulneración da liberdade sindical

Para a CIG resulta vergoñento que unha empresa con participación pública, que vive en gran medida das contratas coas administracións, e que neste contexto de pandemia está obtendo beneficios millonarios, recorra aos aspectos máis lesivos da reforma laboral para aplicar despedimentos e vulnerar a liberdade sindical.

Unha reforma laboral que, a pesar dos compromisos do Goberno de PSOE-Unidas Podemos, segue plenamente vixente e deixa en exclusiva nas mans das empresas a decisión de aplicar despedimentos colectivos, ao eliminarse a autorización administrativa previa que existía antes da reforma de 2012.

A este respecto, Calvo sinala que o ERE de Indra non ten causa legal "e así o trataremos de demostrar no xuízo que se celebrará na Audiencia Nacional a finais do mes de febreiro". A central nacionalista esixe do Goberno español a derrogación inmediata da reforma laboral e pídelle á Autoridade Laboral que poña todos os medios ao seu dispor "para evitar estas accións criminais por parte desta empresa".