A CIG protesta polo despido do candidato da central nas eleccións sindicais da empresa de autocares Ojea

Un cento de persoas desenvolveu unha concentración na estación de autobuses de Ponteareas
Ponteareas - 23 Mai 2017

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración de protesta na estrada principal da estación de autobuses de Ponteareas para rexeitar o despedimento do candidato da central nacionalista nas últimas eleccións sindicais celebradas na empresa Ojea. Arredor dun cento de persoas participou nunha mobilización coa que se quere denunciar a represión que se vive na compañía de autobuses e reclamar a readmisión do traballador afectado.

Segundo explican dende a CIG, a rescisión de contrato produciuse tras unha campaña previa de acoso laboral que afectou tamén a outro compañeiro do agora despedido que se presentara como candidato da central en anteriores procesos de eleccións sindicais, “o que amosa ben ás claras que se trata dun caso de represión sindical”. A persecución contra eles comezou unha vez rematadas as votacións, nas que foi elixido o candidato da UGT e no que o da CIG obtivo un tercio dos votos (a empresa conta cun cadro de persoal de 30 traballadores/as).

A empresa -propiedade dos irmáns Carlos e Manuel Pino González- comezou primeiro a indagar entre o cado de persoal para ver quenes foron os que votaron por el e despois a modificarlles os servizos e a retiralos das liñas regulares para que non tivesen posibilidade de cobrar o plus do 20% que lles corresponde aos condutores-preceptores. “Deste xeito redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonar eles mesmos a empresa”. Con este obxectivo tamén deciden mandalos para casa cada día unha vez rematada a súa función como condutores de autobuses escolares, cando o resto de compañeiros/as teñen que regresar ao taller. “Así evitan ter que pagarlles a comida, o que tamén contribúe á merma dos seus salarios”, denuncian.

Antes tamén decidiran baixar o prezo das dietas, polo que os dous afectados optaron por reclamar as cantidades que deixaran de ingresar con anterioridade, ao igual que fixo o despedido coa antigüidade. “Gañou xudicialmente esta última reclamación, mentres que a das dietas aínda está pendente de resolución”. Foi a partir de aí cando os empresarios toman a decisión de botalo argumentando “perda de confianza”, polo que a CIG presentou unha demanda solicitando a nulidade do despido ao entender que se trata dunha decisión derivada dun caso de acoso por presentarse pola central ás eleccións.

“A actitude discriminatoria da empresa tamén está denunciada diante da Inspección de Traballo, xa lles obrigan a facer servizos exlusivos para eles coa finalidade de prexudicalos; o problema é que a empresa ten moi fácil sementar o medo porque ten 10 ou 12 traballadores/as eventuais vinculados aos servizos de transporte escolar”.

Patróns representan continuidade franquismo

Diante desta situación, arredor dun cento de persoas convocadas pola CIG desenvolveu unha concentración na estación de autobuses de 10.45 a 11.45 horas.

A mobilización incluíu o despregamento dunha faixa e o berro de consignas contra a decisión da empresa. Tamén se aproveitou a convocatoria para rapartir panfletos entre a veciñanza explicando o sucedido. Neles detállase que nesta empresa “as cousas aínda se rexen como hai 40 anos , con patróns que non saben que a ditadura franquista acabou, porque estes patróns representan a continuidade do franquismo, coas máis rancias actitudes do vello caciquismo, tan presente aínda en tantos lugares de Galiza”.

“A empresa Ojea é un destes lugares, onde a profesionalidade do persoal mídese polo nivel de obediencia e acatamento das ideas dos patróns, onde 17 anos de relación laboral impecábel pouco valen cando o traballador/a non se somete ás ideas do patrón”.

Finalmente, denúnciase as actitudes represoras de Carlos e Manuel Pino González, “afeitos a caciquear cos traballadores/as e a coartar a súa liberdade para exercer os seus dereitos sindicais”. Como exemplo sinalan o que sucede estes mesmos días, nos que o persoal da empresa -condutores de autocares- está a facer traballos de ampliación da nave da compañía na parroquia de Leirado, “a mesma nave que os condutores levantaron hai uns anos dentro da xornada de traballo da empresa Ojea”.