A CIG mobilízase contra o acoso laboral a unha traballadora de SUTEGA

A Coruña - 28 Feb 2024

A CIG mobilizouse este mércores na tenda que SUTEGA ten na Ronda de Nelle (A Coruña), para denunciar e rexeitar o acoso laboral que está a sufrir unha traballadora. Esta situación provocoulle un grave prexuízo na súa saúde e que tivera que botar máis dun ano de baixa médica. Por se non fora abondo, cando colleu a alta, a empresa decidiu que a súa reincorporación sería en Madrid, comunicándolle o cambio con tan só dous días de antelación.

Ante estas actitudes da empresa que agravan o acoso que a traballadora viña padecendo, a CIG acordou convocar esta concentración en solidariedade coa afectada e para contestar as agresións da dirección de SUTEGA.

A compañeira afectada comezou a traballar como bolseira e ao remate, a empresa ofreceulle un contrato na Coruña na administración central do grupo. O que parecía unha proposta laboral idónea (a traballadora é coruñesa e está titulada en ADE e dereito), converteuse nun pesadelo ao pouco de incorporarse ás oficinas da Ronda de Nelle, pois un dos directivos iniciou un acoso sistemático, que se materializou na retirada efectiva da carga de traballo, nun tratamento despectivo e vexatorio continuado, e sendo apartada fisicamente do resto do persoal.

Esta situación prolongada no tempo afectoulle gravemente á súa saúde mental, caendo de baixa durante máis dun ano e tendo que estar baixo tratamento psiquiátrico. Pero cando a traballadora por fin se recuperou e colleu a alta, a reposta de SUTEGA foi trasladala ás oficinas de Madrid.

"Despois de ter regresado e de sufrir acoso laboral, agora a empresa decide que volva a Madrid, comunicándolle ademais o traslado con tan só dous días de antelación, sen ter en consideración os prexuízos que este cambio lle carrexa e que o propio Estatuto das persoas traballadoras estabelece un prazo de notificación de 30 días", denuncia Ernesto López Rei, secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña.

Engade que, unha das prácticas do acoso foi pór a traballadora nun recuncho e darlle os libros de contabilidade para que, en plan desprezativo, se enredara con eles xa que non tiña carga de traballo efectiva. Pero a traballadora revisou os libros e detectou varias irregularidades tanto na actuación dalgún dos directivos como nas relacións coas administracións públicas, e así llo comunicou á dirección.

Esta, apunta López Rei, podería ser unha das razóns polas que o acoso e persecución contra a traballadora persistan agora, nun intento desesperado para que pida a baixa voluntaria, posto que a empresa é tan mesquiña que nin sequera quere despedila para non ter que pagarlle a indemnización que lle corresponde.

Doutra banda, López Rei lamenta a inacción da Inspección de Traballo neste caso, "xa que non iniciou ningunha actuación para investigar e corrixir a situación, a pesar das denuncias presentadas, véndose totalmente desamparada a traballadora ante o acoso da empresa".