Máis dun cento de persoas delegadas sindicais da CIG mobilizáronse hoxe en Vigo coincidindo coa celebración do xuízo no que se reclamaba a nulidade do despido dunha representante da central sindical no comité de empresa de Abanca na provincia de Pontevedra. A concentración solidaria desenvolveuse na Cidade da Xustiza de 8:30 a 10:30 horas ao berro de “Montse readmisión” e “Non é un despido, é unha cacería” para rexeitar unha decisión “inxusta e inxustificada”.
Dende a CIG-Banca lembran que a compañeira, que traballaba na oficina de Salvaterra do Miño, foi despedida hai un ano por exercer activamente o seu papel como representante do persoal e posicionarse en contra dos abusos empresariais.
Finalmente, o xuízo non se celebrou, xa que a empresa recoñeceu a improcedencia do despedimento, alcanzándose un acordo indemnizatorio.
A sección sindical da CIG en Abanca anuncia que se a dirección da compañía pretendía amedrentala para que non actuase, non deixará de actuar e mobilizarse en defensa dos intereses das persoas traballadoras da empresa “ante calquera novo abuso ou vulneración que esta cometa, así como na reivindicación de melloras nas condicións laborais do cadro de persoal”.