A CIG mantén as mobilizacións contra a privatización do SAF de Monterroso

Realizará unha concentración o martes 27 coincidindo co pleno municipal
Monterroso - 21 Abr 2021

Coincidindo coa celebración do pleno municipal, a CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro martes 27 de abril, ás 20:30h, en rexeitamento á decisión do goberno local de privatizar o servizo de axuda no fogar (SAF) de Monterroso. No marco da sesión plenaria vanse presentar mocións en contra desta medida por parte dos grupos da oposición.

Doutra banda, e diante dunha información publicada esta semana na que o Concello acusaba a CIG de manipulación sindical pola entrega de sinaturas, a central sindical  reitera "que se recolleron e entregaron no Concello máis de 1900 sinaturas. Sendo certo que existen sinaturas de persoas doutros concellos, maioritariamente da contorna, as sinaturas de persoas de Monterroso superan moito o dato que deu o Concello, posto que pasan do millar", subliña o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto.

"Por moito que desde o goberno municipal intenten maquillar estatísticas, a oposición á privatización do SAF entre a poboación de Monterroso é clara e manifesta, e a ilexitimidade en termos democráticos da mesma tamén, posto que só o PP, levaba no programa electoral a privatización do servizo", afirma Neto.

Precarización das condicións laborais e do servizo

Neste senso, critica que o goberno teña que xustificar esta decisión argumentando que estes servizos están privatizados en moitos concellos. "Sendo isto certo, non é discutíbel a precariedade existente neste colectivo, cunhas condicións salariais e laborais de absoluta precariedade, consecuencia de deixar a xestión dun servizo público de atención ás persoas nas mans das empresas privadas. Xustamente, o feito de que sexa un servizo privatizado nun importante número de concellos é o que nos amosa o erro deste modelo de xestión en termos laborais e de calidade do servizo", advirte.

Sistema público de atención ás persoas  

A CIG continuará a manifestar o absoluto rexeitamento a esta medida e continuará a mobilizarse  na súa contra "porque defendemos os servizos públicos, e defendemos que os servizos de atención ás persoas non poden estar xestionado nunha lóxica comercial de beneficio empresarial".

Non hai que esquecer que a CIG promoveu unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular “Por un Sistema Público de Atención ás Persoas” que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios. A proposta levarase ao Parlamento de Galiza unha vez remate o proceso de recollida de sinaturas que está en marcha.