A CIG manifesta o seu apoio ás mobilizacións da clase traballadora francesa contra a reforma laboral

Valora “moi positivamente” a resposta contra a Lei do Traballo, que suporía un enorme retroceso dos seus dereitos laborais e salariais

Compostela -

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta a súa solidariedade  cos traballadores e traballadoras de Francia, e o apoio ás mobilizacións que se están a facer contra a Reforma Laboral presentada pola ministra Myriam El Khomri, do goberno de Valls, cunha nova Xornada de Folga convocada para o vindeiro día 14 de xuño polas organizacións sindicais CGT, FSU, FO, La Solidarité, UNEF, UNL e LDIFs, e unha consulta cidadá sobre dita Reforma.

Valoramos moi positivamente a contundente resposta que as clases populares, apoiadas polas organizacións sindicais, outras organizacións sociais e algunhas forzas políticas están a dar contra unha Lei do Traballo de carácter neoliberal e rexeitada por máis do 70% da poboación, que suporía un grande retroceso nos dereitos laborais e salariais da clase traballadora, algúns deles conseguidos no ano 2000, coa introdución da xornada de 35 horas, no obxectivo da redución dun 10% do desemprego naquel intre, e que se converteu nun referente a seguir para todas as organizacións sindicais doutros países.

A nova Reforma Laboral do goberno francés inclúe unha serie de medidas regresivas, moi semellantes ás que veñen aplicando os últimos gobernos do Estado Español, facilitando e abaratando aínda máis os despedimentos para as empresas e derrogando,  na práctica, a xornada de 35 horas semanais, pois dá liberdade ás empresas para que organicen calendarios alternativos en temporada alta, podendo ampliar as quendas a 48 horas semanais e 12 horas ao día, sen pago de horas extras. Tamén se fomentan os convenios de empresa por diante dos de sector.

A única “concesión” do goberno francés, diante das mobilizacións que está habendo como resposta á Lei, sería a de renunciar ao establecemento dun tope ás indemnizacións por despido improcedente, e substituílo por un “baremo indicativo” que serviría de referencia para os/as xuíces do social. Escasa reflexión, logo de todas as xornadas de loita e o inmenso apoio que tiveron de participación cidadá, tanto na súa intensidade, como na súa cantidade.

Esta nova Lei do Traballo que propón o goberno francés, dáse nun contexto especialmente preocupante para o futuro dos dereitos laborais e sociais en todo o mundo. Os debates que, precisamente estes días, se están dando na 105 Conferencia da OIT, nos que a CIG está a participar, mostran de xeito escandaloso as intencións do grande capital que, a través das patronais, e coa complicidade da maioría dos gobernos, se mostra insaciable e quere afondar aínda máis nos recortes de dereitos, condicións laborais e, en definitiva, condicións de vida, da maioría social, agrandando a diferenza de clases, coa desculpa dunha crise que eles mesmos propiciaron e que só está pagando as consecuencias cos traballadores e traballadoras, pois, tamén en tempos de crise, o capital segue aumentando as ganancias.

A alianza entre “empregadores” e a maioría de “representantes gobernamentais” na Conferencia da OIT é preocupante (agás os casos habituais de países como Cuba, Venezuela, Nicaragua, Ecuador, …curiosamente aqueles que máis cuestionados son nos medios de comunicación en mans do propio capital, ou dos gobernos cómplices). Non se quere mover nada que poida contribuír a unha maior xustiza social: o debate sobre o traballo decente en cadeas mundiais de subministro foi bloqueado en contra das propostas do grupo de traballadores/as para regulalo; os convenios xa existentes que afectan aos/ás traballadores/as migrantes só queren revisalos para empeoralos, en plena crise de refuxiados/as aos que esta Europa vendeu a Turquía; o dereito de folga é cuestionado en todas e cada unha das súas propostas e intervencións; o mesmo ocorre coa liberdade sindical e a negociación colectiva.

Todo isto, co acompañamento noutras instancias (Parlamento Europeo) do debate sobre os novos Tratados de Comercio, TTIP e CETA, que suporían unha perda total do control por parte dos gobernos dos estados, e máis liberdade para as grandes multinacionais, que poderán saltarse as escasas normas xa existentes, diante dunha maior desregularización e a intermediación de axentes do seu entorno na resolución de posibles conflitos. Mentres, a Unión Europea, vai preparando o terreo, e acompaña estas intencións con políticas de recortes que só afectan ás clases populares, desmantelando e privatizando progresivamente os servimos públicos esenciais.

Parece seguro o éxito desa convocatoria do día 14 en Francia, pois as organizacións sindicais xa teñen garantido o paro en sectores estratéxicos: subministro eléctrico, de combustible, transporte, medios de comunicación, ensino, etc. E todo sito, a pesar do grande despregue policial e a represión e contundencia coa que están actuando, así como a intransixencia do goberno de Hollande.

Desde a CIG, observamos con sumo interese esta reacción que se está a producir na sociedade do estado de Francia, e agardamos que sirva de referente para o noso país, que tantas agresións está a sufrir nos últimos tempos para os seus sectores produtivos e o seu mercado laboral, e anime á nosa xente a mobilizarse dunha vez por todas contra todas esas políticas que están lastrando o noso futuro, non só manifestándoo nas urnas, co apoio a forzas políticas galegas que defendan  á clase traballadora desde a perspectiva de país nos vindeiros procesos electorais, senón tamén saíndo á rúa, a loitar na defensa dos seus dereitos laborais e sociais e, en definitiva, do noso futuro e o dos nosos fillos e fillas.

O inimigo é común e poderoso. A loita é o único camiño.

Volver