A CIG manifesta a súa solidariedade coa poboación e os mestres e mestras de Oaxaca

Denuncia a “represión sanguinaria”,reclama o regreso, con vida, das persoas desaparecidas e exixe unha resposta institucional por parte da UE
Compostela - 23 Xun 2016
Nos últimos dous días a represión da policía na cidade de Oaxaca causou a morte de, cando menos 13 persoas e 25 desaparecidos/as, que segundo as testemuñas da poboación foran detidos/as previamente pola policía Federal. A CIG amosa a súa solidariedade con esta loita, reclama a dimisión dos responsábeis políticos desta represión sanguinaria e o regreso, con vida, das persoas desaparecidas.

A orde da  intervención policial partiu directamente do Goberno Federal, logo de que centos de persoas en diferentes localidades da cidade de Oaxaca estiveran mobilizándose durante varios días  contra a Lei da Reforma Educativa de Peña Nieto aprobada no 2013.

O martes trasladábase información desde a poboación de Nochixtlan segundo a que se a policía intentaba tomar os Hospitais, impedindo que se trataran de urxencia ás ducias de feridos entre a poboación civil. Tamén se reportaban documentos gráficos e testemuñas nas que se observa a entrada da policía nas vivendas, armados e lanzando botes de gases lacrimóxenos previamente.

A reforma educativa de Peña Nieto, que provocou o despedimento de miles de mestres nestes anos, impón unha avaliación obrigatoria dun sistema educativo oficialista e contraria aos intereses populares.

Resposta institucional da UE

Estes feitos especialmente graves de represión criminal dos Gobernantes Mexicanos contra a poboación civil, merece unha resposta institucional da Unión Europea que seguramente gardará un cómplice e vergoñento silencio, que tamén se observa no tratamento informativo maioritario ofrecido polos medios de comunicación.

Desde a CIG mostramos a nosa solidariedade con esta loita, reclamamos a dimisión dos responsables políticos desta represión sanguinaria e o regreso con vida dos e das desaparecidas.