A CIG transmite á CTC de Cuba e á Cónsul Xeral en Galiza, Ingrid Izquierdo, a súa solidariedade e apoio ao pobo cubano ante o novo ataque infame do imperialismo estadounidense anunciado o 20 de maio en forma de acusación por parte do Departamento de Xustiza dos EUA cara ao líder da Revolución e Xeneral do Exército Raúl Castro.
É intolerábel que a administración Trump continúe a campaña de acoso contra a illa coa construción dun relato que xustifique a invasión que o imperialismo ianqui leva décadas proxectando sobre Cuba.
Esta declaración ilexítima e ilegal súmase ás condenábeis medidas de presión económica, comercial e financeira que, se ben se remontan a seis décadas de bloqueo, agraváronse no actual contexto cos ataques para impedir a subministración enerxética.
Desde a CIG, coherente co seu co seu compromiso histórico de defensa da soberanía dos pobos e do dereito á autodeterminación, denunciamos este novo acto de agresión inxerencista que non só vulnera o dereito internacional, senón que se propón como unha acusación falaz á procura da terxiversación histórica dos feitos aos que se remonta.
Á parte da persistencia na actualidade, facémonos eco da denuncia das reiteradas violacións do espazo aéreo e, en concreto, da verdade que rodea o derrubamento, en acto de lexítima defensa da Patria, en 1996 destas aeronaves conducidas con fins hostís sobre a illa por parte da organización terrorista e antirrevolucionaria Hermanos al Rescate.
Coa convicción de que estamos ante un escenario global marcado pola crise da orde mundial unipolar, é necesario combater a actual ofensiva do imperialismo en cada unha das súas intervencións e agresións ao longo do planeta, organizando a clase traballadora na loita por unha nova orde internacional baseada no entendemento pacífico e no respecto pola soberanía dos pobos.
En consecuencia, reafirmamos desde a nación galega o noso apoio e solidariedade co pobo cubano ante estas intolerábeis declaracións que responden ao continuísmo coa Doctrina Monroe e á crenza de que América Latina e o Caribe constitúen o patio traseiro en que proseguir co espolio de recursos e o intervencionismo político por parte dos Estados Unidos.
Cuba non está soa!
Venceremos!