A CIG logra o recoñecemento da nocturnidade para todo o cadro de persoal de Seaga

A empresa pública abonará en novembro as horas de 2016 e 2017
Nacional - 24 Out 2017

A CIG, central maioritaria na empresa pública Seaga, vén de lograr o recoñecemento da nocturnidade, polo que o cadro de persoal comezará a percibir no mes de novembro o pago das horas feitas entre as 22:00 e as 6:00 horas durante os anos 2016 e 2017. As correspondentes a 2015 non serán abonadas, a excepción dos traballadores/as que decidiron reclamalas pola vía xudicial.

A central sindical logrou o pasado día 17 o recoñecemento da nocturnidade por parte da dirección para todos/as os traballadores/as, polo que Seaga pagará no mes de novembro as horas nocturnas de 2016 e 2017. Como consecuencia, o salario correspondente á xornada efectiva de traballo desenvolta neste horario incrementarase un 30% en concepto de complemento de nocturnidade.

En canto ás horas nocturnas feitas en 2015, a dirección comunicou que non serán abonadas, salvo as dos traballadores/as que decidiron reclamalas pola vía xudicial. Ademais, dende a CIG explican que nos próximos meses se celebrarán os procesos xudiciais que se seguen contra Seaga nos Xulgados do Social de Ourense por este motivo e tamén a respecto das horas extras de 2015, 2016 e 2017.