A CIG logra maioría absoluta no comité de Dinahosting con 6 representantes de 9 totais

A central sindical comprométese a seguir reclamando melloras nas condicións laborais
Compostela - 18 Nov 2022

Con 6 das/os 9 delegadas/os a elixir, a CIG obtivo un importante apoio dos traballadores e traballadoras da empresa tecnolóxica Dinahosting nas eleccións sindicais celebradas onde. Deste xeito, e malia os intentos da  patronal de debilitar a cohesión no conxunto do cadro de persoal, a central sindical consegue a maioría absoluta no comité.

O 92,79% do persoal participou na convocatoria, 103 votos emitidos dun censo total de 111. Destes, 68 deron o seu apoio á candidatura da CIG e 34 á candidatura “Grupo de Traballadores”, o que se traduce en 6 delegadas e delegados para a central sindical e 3 para a candidatura da empresa.

O representante da CIG, Alexandre Espinosa considera que  alto grado de votación “indica o compromiso adquirido polos traballadores e traballadoras de dinahosting na defensa dos seus dereitos e dálle aínda máis referendo ao resultado como válido”.

Un referendo que se fai extensivo á liña sindical e que “revalida todas as decisións que, compartidas e decididas polo persoal, foron tomadas asembleariamente durante estes anos por todas e todos nós”, explica.

Período conflitivo

Espinosa lembra que este último mandato estivo marcado por importantes conflitos e convocatorias de folgas que culminaron cun intento da patronal por conter os avances en dereitos obtidos polos traballadores traballadoras, “promovendo unha candidatura con varios cargos da empresa, onde mesmo se encontraba unha das representante da empresa no Plan de Igualdade, que non frutificou”.

Porén, o cadro de persoal amosou o seu apoio á liña sindical marcada pola CIG e outorgou unha folgada maioría absoluta para que a candidatura da central nacionalista “poida seguir marcando o paso na reivindicación e melloras nas condicións laborais de dinahosting”.

O representante da CIG conclúe que “co apoio obtido a CIG síntese plenamente lexitimada para seguir construíndo un referente nas condicións laborais do sector TIC do nos país”.