A CIG obtivo as nove delegadas e delegados que se escollían para o comité provincial de Stradivarius na provincia da Coruña, ficando como forza única e acadando un resultado histórico nun proceso no que participaron máis do 80% das persoas traballadoras.
A candidatura da CIG recibiu o apoio unánime nas eleccións sindicais celebradas o xoves 19 de novembro, o que supón un respaldo contundente ao traballo sindical desenvolvido durante todos estes anos e ao compromiso das compañeiras que veñen defendendo.
Sobre todo dende o último ano de masivas mobilizacións no sector contra a negociación e asinamento do regresivo convenio ARTE en Madrid.
Este resultado reflicte o apoio maioritario das traballadoras á acción sindical da CIG e a confianza do persoal na central nacionalista para tentar impedir o impacto negativo do novo marco regulador estatal.
Neste senso, a CIG seguirá defendendo os dereitos conquistados polo persoal demandándolle á patronal galega que se abra a negociar un convenio sectorial en Galiza ou, cando menos, un acordo interprofesional que garanta a prioridade aplicativa dos convenios provinciais.
A participación e o resultado mostran a implicación das traballadoras e a importancia de contar cunha representación sindical forte, próxima e comprometida coa defensa das condicións laborais de todo o cadro de persoal.