A CIG leva á OIT a discriminación que sofren os mariñeiros galegos aos que Noruega non recoñece o dereito á xubilación

A central solicítalle declarar que o Estado escandinavo incumpriu o Convenio 147
Nacional - 29 Ago 2018

A CIG, na súa calidade de sindicato máis representativo, vén de presentar unha reclamación diante da Organización Internacional do Traballo contra o Reino de Noruega, polo incumprimento do Convenio 147 de normas mínimas sobre mariña mercante. A central sindical demanda a OIT que inste ao Goberno noruegués a adoptar as medidas precisas para rematar coa inxustiza que sofren os mariñeiros galegos embarcados nos seus buques até o ano 1994, e aos que o Estado escandinavo non lles recoñece o dereito a percibir unha pensión de xubilación.

Segundo a asociación galega Long Hope, que agrupa ao colectivo de afectados/as, hai máis de 12.000 traballadores nesta situación que, a pesares de pasar anos enrolados nos barcos de bandeira norueguesa e pagar impostos nese país, non teñen recoñecido o dereito á xubilación (nin á pensión de viuvez para as súas compañeiras) por non ter a condición de residentes. A CIG, que ten apoiado en numerosas ocasións ás reivindicacións do colectivo, reclama a intervención da OIT para que se garanta o dereito destes traballadores a percibir unha pensión de xubilación por todos os anos traballados e se remate dunha vez con esta situación inxusta e discriminatoria contra os nosos mariñeiros emigrados.

A CIG insta o Goberno español para que de forma urxente e real emprace o Estado de Noruega a negociar un acordo que acabe con esta situación de desprotección social

Neste liña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclama ao Goberno español para que de forma urxente e real emprace o Estado de Noruega a negociar un acordo que acabe coa situación de desprotección social na que se atopan os mariñeiros galegos.  

Unha lexislación discriminatoria

Cómpre lembrar que até o ano 1994 a residencia era un dos requisitos para o acceso ao sistema noruegués de seguridade social. Unha condición que non se lle esixía, en cambio, aos mariñeiros/as nacionais que traballando nos mesmos barcos e co mesmo tipo de contrato, podían ter fixada a súa residencia noutro país e seguir incluídos/as no sistema de protección social.

Que este requisito é excluínte e discriminatorio demóstrao o feito de que o Reino de Noruega se vise obrigado a modificar a súa regulación interna de seguridade social coa entrada en vigor do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo en 1994, por vulnerar dereitos fundamentais.

A reclamación que a CIG dirixe a OIT refírese ao incumprimento do convenio número 147 da OIT de mariña mercante, que Noruega ratificou o 24 de xaneiro de 1979 e que compromete os Estados que o asumen a promulgar unha lexislación que prevea para os buques matriculados no seu territorio "un réxime apropiado de seguridade social". O texto do Convenio non repara en ningún momento en cuestións de nacionalidade ou residencia como condicións previas para a protección e o acceso á prestacións de vital importancia como a xubilación ou a pensión de viuvez.

Non caben dúbidas da posíbel ilegalidade do sistema noruegués de seguridade social e do seu carácter inapropiado, cando os mariñeiros estranxeiros non residentes (e as súas viúvas) quedan excluídos de prestacións tan básicas como a pensión, ou que se lles estea a calcular a contía da xubilación sen ter en conta o tempo traballado con anterioridade a 1994.

Isto ocorre a pesares da existencia de vínculos obxectivos substancias co Estado como a existencia prolongada no tempo de contratos de traballo e pagar impostos durante todo ese tempo en igual forma que os mariñeiros noruegueses -ou incluso en maior cantidade, xa que aos emigrantes galegos non se lle aplicaban determinadas excepcións fiscais das que si gozaban os nacionais-. Neste punto hai que ter en conta que os nosos mariñeiros tiñan o seu domicilio fiscal en Noruega e contribuíron co seu traballo e co pago de impostos á produción de riqueza e benestar de Noruega, é dicir ao seu desenvolvemento económico e social.

Noruega non adoptou medidas para evitar os efectos negativos

Porén, a pesares do establecido no Convenio 147 da OIT, o Goberno deste país non adoptou ningunha medida para evitar os efectos perversos e negativos da súa lexislación interna e o seu incumprimento tense prolongado no tempo, até o punto de que a día de hoxe os ex-mariñeiros galegos non teñen recoñecido o seu dereito á pensión de xubilación polo tempo traballado na mariña mercante dese país (ou non se lles computa unha parte importante da vida laboral), atopándose nunha situación de total desamparo xa que, dunha banda, Noruega négalles dereitos e doutra, o Estado español no pode computar ese tempo de embarque para o cálculo aquí das prestacións de seguridade social.

Por iso, a CIG solicita da OIT que declare que o Reino de Noruega incumpriu o mencionado convenio, e proceda a realizar os requirimentos pertinentes para que o Goberno noruegués adopte as medidas precisas para rematar con este trato discriminatorio e garantir o pleno respecto e cumprimento dos dereitos de protección de seguridade social dos nosos mariñeiros emigrantes e as súas viúvas.