Instan as empresas de conservación de vías públicas a non escatimar en prevención de riscos

A CIG traslada o seu pésame pola morte dun operario na A52 o martes

Ourense -

A CIG-Construción lembra a obriga que teñen as empresas concesionarias do servizo de mantemento de vías públicas de non escatimar en medios para a prevención de riscos laborais ao tratarse dun sector cunha altísima perigosidade, tal e como se evidenciou este mesmo martes coa morte en accidente de circulación dun operario que traballaba na conservación da autoestrada A52 ao seu paso por Ribadavia.

Dende a federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG fan un novo chamamento, “neste fatídico día de loito”, sobre a necesidade de que as empresas concesionarias do servizo de conservación das vías públicas, teñan en conta, de xeito prioritario, a altísima perigosidade existente neste sector e non escatimen en medios para a prevención de riscos e accidentes laborais. 

Entendemos que o primeiro é a seguridade das persoas, e así o facemos saber en cada negociación na que estamos

“Así o entendemos e así o facemos saber en todas as negociacións, xa que o primeiro é a seguridade das persoas”. Sinalan que o persoal que desenvolve a súa xornada laboral nas estradas convencionais e nas autoestradas está exposto diariamente a un altísimo risco que, en ocasións, ten un fatal desenlace como aconteceu estes martes.

Na central levan tempo tratando de mellorar este aspecto con campañas enfocadas á prevención de riscos e á mellora das condicións de traballo, “tanto nos convenios provinciais como dentro de cada empresa onde temos representación, incluso nalgunhas ocasións coa oposición da patronal que negocia a nivel estatal”, segundo explica o secretario nacional da FCM, Plácido Valencia.

Finalmente, dende a CIG trasládanlle o seu pesar e apoio á familia e aos compañeiros/as do traballador da conservación da autoestrada A52 falecido este martes nun accidente de circulación ocorrido na localidade ourensá de Ribadavia.

Volver