A CIG lanza unha iniciativa a prol da xestión pública do Plan de Pensións da Administración Xeral

O fondo, nutrido con achegas que se detraen das retribucións do persoal laboral e funcionario, conta cun patrimonio duns 600 millóns de euros

A Coruña -

A CIG-Administración vén de pór en marcha unha iniciativa para mudar a xestión privada do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado á xestión pública do mesmo. Segundo os últimos datos publicados pola entidade xestora (sociedade participada por BBVA, CCOO e UGT), a finais de 2014 había un total de 601.012 persoas adheridas do Plan de Pensións, que conta cun patrimonio neto de 645.462.429 euros. Que o fondo estea depositado e sexa de xestión pública, alén ofrecer  maiores garantías, suporía que os beneficios da xestión revertan nos ingresos patrimoniais das arcas públicas.

Así o aseguraron a Secretaria Nacional da CIG-Administración, Maricarme López Santamariña, e o Secretario Nacional do Sector do Estado da Federación, Xaime Rey, en rolda de prensa ofrecida este venres na Coruña. Rey explicou que o Fondo de Pensións nútrese basicamente coas achegas que se detraen dos incrementos retributivos estabelecidos nos Orzamentos do Estado para o persoal da Administración.

Por exemplo, se nun ano se acorda unha suba salarial do 2%, unha porcentaxe vai para ese fondo e o resto do incremento pasa á nómina. Até o ano 2010, a porcentaxe da masa salarial destinada ao plan foi do 0.5%, nos anos 2010 e 2011 do 0.3%, e dende o 2012, por mor das limitacións de gasto público, suprimiuse calquera tipo de achega das administracións aos fondos de pensións.

Por defecto, explicou Xaime Rey, todo persoal funcionario e laboral da AXE está adherido a este fondo, “pero se te retiras, perdes a parte do teu incremento salarial destinada ao plan porque non se detraen as cantidades de xeito individual”. Esta cantidade tampouco conta nas cotizacións á Seguridade Social.

Ademais, as persoas adheridas ao plan de pensións poden pactar achegas voluntarias coa entidade depositaria (neste caso o BBVA). “Segundo os nosos cálculos non chega ao 5% o total de traballadores e traballadoras que fan ingresos a maiores. Tendo en conta este dato, xunto co feito de que perdes os cartos se saes do plan, podemos dicir que basicamente somos partícipes forzosos”, engadiu.

A entidade xestora percibe substanciosas comisións

Pola xestión do fondo, a entidade xestora (sociedade participada por BBVA, CCOO e UGT) percibe unhas interesantes comisións: 3.020.467 euros, segundo consta no último informe de contas presentado. Ademais, o BBVA, como entidade depositaria dos cartos, recibiu a maiores 604.093 euros.  Nos dez anos de vida activa do fondo, as cantidades percibidas en comisións superaron os 30 millóns de euros.

A este respecto, Maricarme López Santamariña puxo o acento na incongruencia de que un fondo que se nutre con cartos públicos detraídos dos salarios do persoal da administración estea depositado e xestionado en mans privadas e sirva para lucrar entidades privadas, “coa conivencia e consentimento e participación de CCOO e UGT, que son parte interesada”. Diante disto, a Federación de Administración acordou lanzar unha iniciativa para reverter esta situación e demandar que o Plan de Pensións estea depositado e sexa xestionado directamente pola administración.  

A normativa vixente, destacou López Santamariña, permite que Administración Pública, a través dun órgano como a Tesourería Xeral da Seguridade Social, sexa a xestora dos fondos privados de pensións, sempre e cando se trate de fondos de modalidade de emprego, como o Fondo do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado.  Este feito xa foi destacado nun esclarecedor artigo dos catedráticos de Dereito do Traballo da UdC, Jesús Martínez Girón e Alberto Arufe Varela, no que analizan as a fondo as consecuencias da xestión privada deste tipo de fondos.

Que unha administración como a Tesourería da Seguridade Social (de demostrada eficacia) se fixera cargo do depósito e xestión do fondo, suporía dotar de máis eficacia á xestión,  incrementar as garantías patrimoniais (non hai que esquecer o recentemente acontecido coa crise bancaria), e sobre todo, tería un impacto positivo sobre os ingresos públicos.

“Os importes por comisións que agora perciben o BBVA e a entidade xestora pasarían a acrecentar os ingresos patrimoniais da Seguridade Social no caso de que a Tesourería Xeral asumise a xestión e depósito do Fondo do Plan de Pensións. E tamén podería producir un efecto chamada e, en consecuencia, un incremento dos ingresos das arcas públicas”, insistiu López Santamariña.

Con este obxectivo, a CIG ten iniciado unha campaña informativa entre as traballadoras e traballadores do sector do Estado e a cidadanía; solicitarase unha entrevista co Director Xeral da Tesourería da Seguridade Social; promoveranse resolucións favorábeis dos órganos de representación (comités e xuntas de persoal) a prol da xestión pública do fondo e solicitarse un debate sobre esta cuestión na Mesa Xeral de Negociación da Administración do Estado.

Un Plan que arrancou no ano 2004

Por acordo da Mesa Xeral da Función Pública de 7 de outubro de 2003, aprobase o proxecto de especificacións do Fondo de Pensións da Administración Xeral do Estado; o mencionado fondo configúrase como un Plan de Pensións de modalidade de emprego de promoción conxunta e achega definida que inclúe a todo o persoal (laboral e funcionario) dependente da Administración Xeral do Estado. Naquel momento a CIG xa se amosara contraria á creación do mesmo.

En reunión da Mesa Xeral de 16 de decembro de 2003 desígnanse aos membros da Comisión Promotora que, a partir desa data, se encargan de todas as actuacións necesarias para a constitución do Plan de Pensións.

A Comisión Promotora escolle como entidade depositaria do fondo de pensións o BBVA, e como entidade xestora do mesmo á empresa “Gestión de previsión y pensiones, EGFP, SA” participada polo BBVA (70%), CCOO (15%) e UGT (15%).

Con data de 30 de setembro de 2004, a comisión promotora constitúese como Comisión de Control; formando parte da mesma un total de 22 persoas en representación das Entidades Promotoras e dos partícipes; 11 representantes da Administración e 11 dos sindicatos (4 CCOO, 4 UGT e 3 CSI-F).

Segundo os últimos datos publicados pola entidade xestora, a data 31 de decembro de 2014 hai un total de 601.012 persoas adheridas ao Plan, cun patrimonio neto de saldo 645.462.429,43 euros.

A maioría dos partícipes pertencen aos ministerios de Interior e Defensa que, en ambos casos superan o 30% do total de partícipes (maiormente son persoal dos corpos e forzas de seguridade do estado e das forzas armadas); seguidos, cun 5%, pola Axencia Tributaria e as Entidades Xestoras da Seguridade Social. O resto de Entidades Promotoras (a totalidade de departamentos e organismos da Administración do Estado) en ningún caso acadan nin o 2% do total dos partícipes.

En Galiza son arredor de 40.000 os traballadores e traballadoras adheridas ao plan.

Volver