A CIG insta o Concello de Pontevedra a negociar unha RTP “equitativa e igualitaria” para todo o persoal

A sección sindical esixe a dimisión do edil responsábel pola paralización da mesa xeral de negociación

Pontevedra -

A sección sindical da CIG no Concello de Pontevedra insta o Goberno local a negociar unha Relación de Postos de Traballo (RTP) “equitativa e igualitaria” para todo o persoal, independentemente do grupo de clasificación ao que pertenzan ou do vínculo laboral que os una coa institución. Dende a central esixen a dimisión do edil responsábel polo “espazamento” das mesas de negociación, xa que na práctica supón unha paralización das conversas.

Dende a representación da CIG no Concello de Pontevedra aseguran que comparten co resto de organizacións sindicais as inquedanzas polo rumbo que está a tomar a negociación da RTP, aínda que matizan que esta coincidencia “dáse só co fondo da cuestión pero non coas formas adoptadas para resolver os problemas”. 

A central denuncia que o Goberno local e o resto de sindicatos gustan moito de reunións de despacho e por colectivos laborais

Neste senso lembran que tal como manifestou o delegado da CIG na rolda de prensa da Policía Local dende a CIG, “pedimos a dimisión do concelleiro de Persoal polos espazamentos das Mesas de Negociación da RPT, o que fai que case se considere unha paralización destas, e non polo resultado da RPT, xa que malamente podemos estar en contra dos resultados de algo que aínda non se negociou”.

Ao mesmo tempo, din non compartir tampouco os métodos de negociar do Concello e do resto de sindicatos, “xa que gustan moito de reunións de despacho e por colectivos; nós pensamos que iso é xogar ao 'divide e vencerás', algo que só beneficia os colectivos con capacidade de presión e deixa fóra de calquera acordo os grupos baixos e con poucos efectivos, xa que carecen de forza para adoptar medidas de presión”.

"A igual traballo, igual salario"

Diante disto, inciden en que a intención da CIG é negociar unha RPT dentro da mesa xeral de negociación “que sexa equitativa e igualitaria para todo o persoal sexa do grupo que sexa, así como que os acordos se adopten dentro das mesas e por maiorías tal como establece a lei”. E deixan moi claro que se alguén non está de acordo cos resultados “deberá ir ás canles legais para recorrer, tal como levamos facendo nos últimos tempos dende a CIG cando consideramos que os acordos adoptados non se axustan á legalidade”.

Polo tanto, reclámanlle ao Goberno local que sente dunha vez por todas a negociar unha RPT para todo o persoal independentemente do grupo de clasificación ao que pertenzan ou do vinculo laboral que os una ao Concello e na que se dea a máxima de “a igual traballo, igual salario”.

Finalmente, demandan que no caso de que o resultado final da RPT traia consigo complementos diferentes para postos da mesma clasificación profesional “estes sexan cubertos por concurso entre todo o persoal da categoría e non a dedo”.

Volver