A CIG insiste na necesidade dunha folga unitaria contra o ERE no Popular

A central nacionalista procura a unidade de acción contra a proposta agresiva da empresa
Galiza - 28 Out 2016

O ERE no Grupo Banco Popular, formulado desde a dirección cunha inusitada “dureza” e “falta de boa fe” debería obter como resposta a convocatoria dunha folga unitaria. Esta é a proposta da CIG ás restantes centrais nun día en que se coñecen os resultados da entidade no 3º trimestre , que “invalidan” o informe económico presentado como base do expediente.

“Onte perdemos toda a mañá e non se avanzou absolutamente nada”. Esta frase de Rosa Conde, sindicalista da CIG que está a asistir á mesa de negociación do ERE en Madrid, condensa á perfección unha dinámica por parte da dirección que procura “dilatar de forma intencionada” o proceso.

E é que, a pesar dos “cantos de serea”, a salida definitiva significará que por volta de 1.900 das 2.592 afectados/as poderían abandonar a empresa mediante unhas prexubilacións e acordos “que en realidade encobren despedimentos”. Uns ceses, que, no entanto, non revestirán ningunha garantía para os menores de 55 anos, que percibirían tan só a indemnización.

Fronte á posibilidade real de despedimentos forzosos a CIG reivindica “que non exista un só cese”, máxime nun día no que se dan a coñecer uns resultados do grupo para o 3º trimestre que deitan beneficios -matizados ao destinaren a maior parte a provisións- e “contradín” o informe económico que sustenta o ERE.

Os novos datos falan duns ratios de rendibilidade “bastante acordes co sector” e de ratios de eficiencia “por baixo” cando na documentación do expediente se afirma todo o contrario. Para CIG-Banca, este feito demostra que se “usa a Lei para aplicar unha redución brutal de persoal sen que exista unha base xustificada”.

Situación na Galiza

A indignación do persoal é total fronte a unhas propostas que na Galiza continúan a ser catastróficas. A cifra final de afectados/as polo ERE rondaría os 400 fronte os 435 da formulación inicial, tendo en conta que a empresa propón agora “o rescate” de 19 postos nas 42 oficinas que se pechen.

No tocante ás sucursais nas que se pretende reducir persoal ofertan un menor impacto, sen detallalo, mentres que nas que sofrirán peches parciais, tampouco concretan o número de afectados/as. Alén da dinámica continuísta, isto revela, en opinión da CIG-Banca, a “falta de información que reinou en todo o proceso”.

Concentración en Lugo

O vindeiro 2 de novembro terá lugar en Lugo unha nova concentración contra o ERE, que chega despois das multitudinarias demostracións do persoal na Coruña, Vigo e Ourense. Porén, desta volta, a dirección pretende contraprogramala cunha reunión de diretores na Coruña coincidindo co horario da protesta, o que para a sección sindical da CIG constitúe “unha conculcación dos dereitos dese persoal”. Será ás 18 horas diante da oficina principal do Banco Pastor, na rúa da Raíña, 4.

Esta concentración “debería constituir un prolegómeno” dunha xornada de folga que a CIG agarda poder convocar xunto ás demais centrais, tendo en conta, ademais, que as consecuencias afectarán en maior medida o noso país.