A CIG iniciará as accións necesarias para que se esclareza as causas do accidente mortal en Depisa

A Coruña - 20 Out 2023

A CIG levará adiante as medidas que sexan necesarias para que se investiguen as causas do fatal accidente que lle custou a vida a un traballador de Depisa Coating Solutions SL. A central nacionalista traslada as súas condolencias á familia do operario e ponse a súa disposición para iniciar os procedementos oportunos para que se faga xustiza e se depuren responsabilidades.

O traballador faleceu tras caerlle enriba o portalón dunha das cabina de chorreo que a empresa  (que pertence ao grupo Alttion e traballa para grandes compañías como Repsol ou Unión Fenosa) ten na nave do Polígono da Artística (A Coruña). A FCM-CIG pide que se esclarezan as condicións de seguridade nas que traballaba o operario así como o estado das instalacións, e que se adopten todas as medidas necesarias para evitar que se repitan feitos similares nunha "empresa que xa denunciamos en dúas ocasións por dumping laboral".

A central, ademais da investigación aberta de oficio pola Inspección nos accidentes mortais, vai  presentar tamén a correspondente denuncia diante do organismo inspector e adoptará as accións xudiciais precisas para que se depuren responsabilidades, porque desenvolver a actividade laboral nun lugar de traballo en condicións saudabéis e de seguridade é un dereito irrenunciábel.