A CIG inicia mobilizacións contra o "modelo industrial colonial" da Lei de Fomento Empresarial

Celebráronse asembleas, concentracións e manifestación de delegados/as nas sete comarcas

Nacional -

“O Goberno de Feijóo deserta de servir aos intereses do pobo galego, renegando de tomar calquera iniciativa real a favor do desenvolvimento económico e social de Galiza. Abandona a defensa dos nosos sectores produtivos mentres favorece un modelo industrial colonial. Aposta pola ubicación sen trabas administrativas de iniciativas empresariais, através, como din na Lei, de simplificar, flexibilizar e liberalizar sectores da economía galega”. Con esta rotundidade valorou esta mañá o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na asemblea de delegados/as de Vigo, a Proposición de Lei de Fomento da Implantación de Inciativas Empresariais en Galiza presentada polo PP. Ao remate das asembleas celebráronse mobilizacións nas distintas comarcas, protestas que terán continuidade nos próximos días.

Carril denunciou non só o contido senón tamén que o PP recorrera ao procedemento lexislativo de proposición de lei para “de forma fraudulenta e perversa, facendo uso da súa maioría absoluta no Parlamento”, aprobar a toda presa unha Lei “de grande calado, negando calquera dereito de participación social”.

Por iso considerou que se trata dunha nova actuación “antidemocrática e golpista do goberno de Feixóo” que por esta vía trata de evitar verse sometido aos controis propios dos trámites das leis impulsadas polo goberno que requirirían exposición pública, ditames dos organismos de participación alleos ao goberno, de legalidade, informes de dotación económicas e demais.

O secretario xeral da CIG cuestionou tamén que o PP aproveite unha Lei para modificar outras sen o preceptivo debate e que o faga “dun xeito caótico”. Leis que, lembrou, “foran a maioría impulsadas en lexislaturas anteriores polo propio PP” e que supoñen “unha auténtica emenda á totalidade nas súas proprias políticas pasadas”.

Sendo todo isto grave para Carril máis o é que non haxa “nin unha soa medida, nin principal, nin secundaria, que teña como obxetivo central o apoio para os proxectos e actividades que aposten porque o proceso produtivo e de transformación teña lugar en Galiza”, como tampouco contemple medida algunha “de apoio e impulso aos nosos sectores produtivos, para que permitan a recuperación e consolidación do tecido empresarial galego, favorecendo así o crecemento económico de Galiza e a creación de emprego en condicións dignas”.

Aposta polas grandes corporacións

Para a CIG estamos diante dunha Lei que aposta “de forma descarada” por favorecer os intereses das grandes corporación económicas, promovendo a instalación de calquera actividade económica e industrial por problemática que poida ser.

Neste sentido, o secretario xeral denunciou que se lle outorgue “aos grandes grupos empresariais a capacidade de impor o seu criterio por riba de calquera outra consideración, con apoio público através de subvencións e todo tipo de incentivos, eliminando calquera atranco para a súa instalación, simplificando e axilizando os trámites administrativos de industrias, minas, parques eólicos, empresa forestais, de resíduos, etc.”.

E que se faga todo isto “ malia sufrirmos elevados custos ambientais e sociais, ao reducirse os controis medio ambientais, da participación cidadá e dos requisitos administrativos, protección do patrimonio natural e da saúde, tanto das persoas como do medio natural”.

Desregulamentación

Carril advertiu da “absoluta desregulamentación” ao eliminarse “cautelas ambientais e dereitos dos administrados” para outogarlle “patente de corso” ás empresas, nomeadamente ás adicadas a actividades de minairía e pasteiro-enerxéticas. Así, dixo, “eliminan calquera barreira para facilitar a aprobación de proxectos polémicos, evitando que se repitan situacións, como sucedeu nos últimos anos, nos que a grande resposta social impediu que foran adiante”.

Alertou tamén do enorme poder que se lle outorga á Consellaría de Industria, por medio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que o Goberno converte no segundo organismo con máis poder sobre o territorio despois do Consello da Xunta, “funcionando como un apéndice dos grandes grupos empresariais”. A este respecto denunciou que se lle permita decidir sobre outros temas, aínda non sendo da súa competencia, como medio ambiente, montes, patrimonio, residuos, xestión hidráulica.

Concentración o 6 e manifestación o 14

Por iso concluíu que “desde a CIG temos claro o noso rexeitamento e a nosa oposición a esta Lei ante as graves consencuencias que terá a súa aprobación”. Xunto a isto avanzou que a central sindical dará unha forte resposta e denunciará o que representa mesmo con mobilizacións que, xunto coas celebradas hoxe, terán lugar o vindeiro día 6 de outubro, cunha concentración diante do Parlamento de Galiza e outra, tamén en Compostela, o día 22.

Volver