A CIG inicia o reparto de material informativo da campaña para recuperar dereitos laborais e sociais

Editou milleiros de panfletos, volantinas e documentos de análise sobre as pensións

Nacional -

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar o reparto do material informativo que fai parte da campaña para a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos. A central editou milleiros de panfletos e volantinas para explicar os detalles da iniciativa e un documento de análise sobre as pensións que serán distibuídos nos centros de traballo e na rúas.

A CIG xa comezou coa distribución do material informativo que fai parte da campaña de concienciación, acumulación de forzas e mobilizacións que vén de poñer en marcha co obxectivo de recuperar os dereitos laborais e sociais perdidos nos últimos anos.

Os representantes do sindicato repartirán nos vindeiros días por boa parte dos centros de traballo e das rúas de todo o país milleiros de panfletos e volantinas explicando a iniciativa e de documentos de análise sobre as pensións nos que se desenvolven as propostas e alternativas da central ao respecto.

Manifestación nacional en Santiago

Con esta campaña informativa preténdese tamén chamar ao conxunto da clase traballadora a participar na manifestación nacional que terá lugar en Santiago o sábado 28 de xaneiro en defensa do sistema público de pensións. A marcha, coa que se dará inicio ás mobilizacións previstas na campaña pola recuperación de dereitos laborais e sociais, partirá da Alameda ás 12.00 horas.

Ademais, no marco desta campaña tamén están previstas concentracións comarcais o 15 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral cara aos meses de abril ou maio no caso de que tras a posta en marcha desta iniciativa de concienciación e de acumulación de forzas non se aproban no Congreso español medidas que permitan a recuperación de dereitos perdidos.

Volver