A CIG-Industria defende sumar forzas para frear a precarización no III Congreso da UISMM no Cairo

O debate céntrase nas estratexias sindicais para frear os ataques que sofre a clase obreira mundial

Internacional -

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, defendeu a necesidade de "fortalecer ás organizacións sindicais para afrontar os novos retos" que se presentan na súa intervención no III Congreso da UISMM (Unión Internacional Sindical de Metalúrxicos e Mineiros), que se celebra desde o día 19 e até este sábado día 21 de xullo no Cairo (Exipto). As organizacións asistentes centran o debate nas marcas e retos sindicais e sociais para os próximos anos, co obxectivo de construír xuntos un movemento obreiro mundial máis forte e solidario.

No II Congreso, celebrado en Río de Janeiro en 2013, sentáronse as bases para o movemento obreiro mundial frear os avances do capitalismo, logo de analizar a crise mundial e as exixencias ás que tiña que facer fronte o sindicalismo de clase para evitar que a clase traballadora siga a padecer as agresións e retrocesos impostos so pretexto desa crise.

Neste Congreso avánzase sobre ese asunto para reforzar as accións que eviten un maior deterioro das condicións laborais e sociais da clase traballadora, impedir o avance do imperialismo e lograr máis éxitos. Cuestión que o propio Bouzas analizou na súa intervención, xunto coa perda de dereitos que está provocando. Unha situación que, ao seu entender, e tal como transmitiu ás organizacións asistentes “obriga ás organizacións sindicais a dar un paso á fronte como vangarda da clase obreira”, asumindo que “non podemos estar impasibles” diante desta situación.

Na súa intervención, o secretario nacional de CIG-Industria analizou ademais o avance do capitalismo, a concentración e centralización da riqueza e do poder, a hexemonía do imperialismo, a globalización neoliberal, a intervención, agresión e invasión exterior das potencias mundiais nos países con reservas de gas, petróleo, minas, recursos naturais e demais para espolialos.

Por iso propuxo a “coordinación internacional das forzas que compartimos obxectivos semellantes, tanto sindicais como políticos e sociais”, xunto coa “defensa dos intereses nacionais e do recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos como o noso”. 

Desafíos da Industria 4.0

No relativo á Industria 4.0, Xoán Xosé Bouzas alertou do “desafío que temos como clase traballadora para afrontar os cambios que vai a supoñer en canto aos novos postos de traballo, novos perfís e os cambios de modelo nas relacións sociais e de produción”.

Por iso, tamén neste caso chamou a “fortalecer ás organizacións sindicais para afrontar os novos retos que se nos presentan”, entre os que salientou a necesidade dun reforzamento organizativo e de concienciación. Cuestións que considerou especialmente importante para o futuro como clase para dar “respostas contundentes a todos os niveis: político, social, sindical e nacional”. Isto xunto coa necesidade da mobilización social como “fórmula de loita para acadar os nosos obxectivos”.

Volver