A CIG-Industria mobilízase ante o aumento da sinistralidade e dos ritmos de traballo no naval vigués
A CIG-Industria mobilizouse hoxe diante das instalacións de Astilleros Ría de Vigo (antiga Barreras) para alertar e concienciar o sector do aumento da sinistralidade derivada do escaso investimento en saúde laboral e do incremento dos ritmos de traballo.
Con esta concentración preténdese sensibilizar sobre a necesidade dunha maior prevención de riscos nas empresas para protexer as persoas traballadoras diante dun novo modelo de estaleiros de síntese “que veu para quedarse” e que ten como principais características os altos ritmos de traballo, a prolongación das xornadas e as cadeas de subcontratación”.
Este modelo é precisamente o que encarna Astilleros Ría de Vigo, do Grupo Armón, a empresa de maior dimensión da comarca e a que máis carga de traballo ten na actualidade “pero unha das que menos invisten en saúde e seguridade laboral”. Neste senso, a CIG-Industria reclama a dotación dun bombeiro por cada barco e o establecemento da xornada continuada para evitar o estrés térmico derivado do traballo en espazos confinados. “Pero a dirección négase e mantén o traballo en quendas de mañá e tarde, con xornadas que se prolongan máis alá das oito horas, polo que é necesario tamén reducir as horas de traballo para reducir o cansazo que está detrás de moitos accidentes laborais”. Ao mesmo tempo, demandan unha maior coordinación de actividades entre a principal e as distintas subcontratas.
Por outra banda a central sindical aproveitou a protesta para criticar a “desidia” da Xunta de Galiza a respecto do sector naval, que exemplificou na parálise na que se atopa a Mesa do Naval. “Tamén é necesario que a Inspección de Traballo actúe ante os constantes incumprimentos das empresas en materia de prevención, que teñen provocado accidentes graves e mesmo mortes de persoas no seu posto de traballo”, rematan.