A CIG-Industria insta as patronais a negociar un acordo galego para o sector do metal

Nacional - 04 Abr 2025

A CIG-Industria está a desenvolver una campaña de mobilizacións para instar as patronais do metal a explorar a posibilidade de promover un acordo galego para o sector. O pasado 20 de febreiro celebrou concentracións simultáneas diante de ASIME en Vigo e das confederacións de empresarios/as da Coruña, Ourense e Lugo. Mentres que para este xoves 3 de abril está prevista unha asemblea de delegados/as en Ourense e unha manifestación posterior polas rúas da cidade.

Durante esas protestas a central aproveitou para facer entrega dun escrito solicitándolle ás 16 patronais presentes nas comisións negociadoras a celebración de xuntanzas para abordar a modificación lexislativa introducida no Estatuto das persoas traballadoras que permite negociar convenios e acordos interprofesionais autonómicos que prevalezan sobre calquera outro convenio sectorial ou acordo de ámbito estatal. 

Un marco galego evitaría a competencia desleal entre empresas de distintas provincias

En Galiza existen catro convenios provinciais do siderometal, que atinxen a un amplo número de empresas e persoas traballadoras que estarían afectadas directa ou indirectamente por estes convenios colectivos.  “Unha vez que a lexislación o permite, o que queremos é que se cumpra a lei”, sinalan dende a CIG-Industria, xa que a modificación do artigo 84 do ET ampara este tipo de acordos a nivel autonómico, sempre que a súa regulación resulte máis favorábel para as persoas traballadoras que a fixada nos convenios ou acordos estatais.

“A CIG sempre defendeu a necesidade dun Marco Galego de Relacións Laborais, por iso apostamos por un acordo galego para o sector dándolle prioridade aplicativa e buscando ter a mesma prioridade, se é o caso, para os convenios provinciais e que queden así blindados fronte ao convenio estatal”. Un marco galego que serviría ademais para evitar a competencia desleal entre empresas de determinadas provincias.