A CIG-Industria denuncia que a suposta recuperación do sector naval da Ría de Vigo "é unicamente propagandística"

Na central lembran que esta industria perdeu preto de 8000 empregos dende o ano 2007

Vigo -

A CIG-Industria saíu hoxe ao paso das informacións recollidas recentemente polos medios de comunicación nas que se achegan unha serie de datos que avalarían a recuperación do sector naval da Ría de Vigo ao apuntar que lidera as novas contratacións no primeiro semestre por enriba dos estaleiros asturianos e vascos. Dende a central nacionalista sosteñen que esta suposta recuperación "é unicamente propagandística" e lembran que a industria naval viguesa perdeu preto de 8000 empregos dende 2007.

Dende a federación de Industria da CIG fixeron público un comunicado no que matizan as recentes informacións publicadas polos medios nas que se fala da suposta recuperación no sector naval da Ría de Vigo e se asegura que lidera a contratación de novos proxectos por diante de asturianos e vascos:

1º. Compáranse as actuais contratacións coas de anos anteriores, cando case non existía sector ao atoparse practicamente desfeito.

 2º. Das seis contratacións, dúas dependen de Armón Asturias e outra dun estaleiro de Marín; ademais, trátase de estaleiros pequenos que xa estaban a traballar, polo que o impacto en termos de postos de traballo é nulo.

 3º. Os estaleiros que levaban o peso da contratación en termos de buques e postos de traballo seguen no dique seco; Barreras está á espera da entrega do flotel, co que quedaría baleiro; Vulcano leva cinco anos sen contratación e no limite da resistencia; xa pasaron tres anos dende que Metalships entregou o ultimo buque; e Freire atópase rematando dúas construcións.

 4º. No ano 2007 o número de empregados/as no sector naval da Ría de Vigo superaba os 9000, mentres que na actualidade non chega a 1500:

 

 

Ano 2007

Hoxe

Barreras

2375

300

Vulcano

1083

85

Metalships

1500

160

Freire

600

350

Armón

600

350

Cardama

300

200

Talleres industria auxiliar

2650

 

Total

9008

1445

 

 

 

 

Volver