A CIG-Industria de Ourense mobilízase no SMAC coincidindo co acto de conciliación polos despidos en Egatel

A central denuncia unha campaña de persecución sindical por parte da dirección
Ourense - 23 Ago 2023

A CIG-Industria de Ourense mobilizouse hoxe diante do edificio da Audiencia Provincial coincidindo co acto de conciliación no SMAC previo ao xuízo polos despedimentos na empresa Egatel. Dende a central denuncian que as catro rescisións de contrato fan parte dunha campaña de persecución sindical da dirección contra os seus afiliados/as.

En consecuencia, as persoas despedidas decidiron recorrer ao xulgado para reclamar a nulidade dunha decisión que a compañía xustifica por causas económicas, cando curiosamente elixiu operarios/as que percibían os salarios máis baixos da empresa.

Dende a central lembran que a intención inicial de Egatel era presentar un ERE extintivo que suporía o despido de 17 persoas, pero finalmente decidiu retiralo tras conseguir carga de traballo, aínda que optou por despedir a seis persoas, dúas delas de xeito voluntario.

Das catro que se viron obrigadas a abandonar a empresa, unha era delegada da CIG e as outras tres afiliadas, polo que dende a central consideran que a dirección aproveitou para desfacerse dos traballadores/as máis activos/as sindicalmente.

Diante disto, iniciou unha campaña de mobilizacións, primeiro contra o ERE -cunha protesta no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas- e agora para rexeitar os catro despidos, coa concentración de hoxe diante do SMAC.